A Deputación inicia o Plan de Autoprotección para Príncipe Felipe

Este documento establecerá os protocolos para previr e controlar os riscos dos usuarios e dos bens e instalacións do centro

Novo microbús adaptado adquirido pola Deputación de Pontevedra
photo_camera Novo microbús adaptado adquirido pola institución provincial. DP

A Deputación iniciou esta semana o novo Plan de Autoprotección para Príncipe Felipe coas primeiras reunións de traballo entre a empresa adxudicataria e a dirección e o persoal da Cidade Infantil. Este documento establecerá os protocolos para previr e controlar os riscos dos usuarios (tanto traballadores como menores) e dos bens e instalacións do centro. A implantación do novo plan pretende garantir que todos os usuarios saiban como actuar ante unha situación de perigo dentro das instalacións. De feito, o documento analizará as posibles situacións (incendios, catástrofes naturais… ) e definirá as accións a seguir.

O Plan de Autoprotección afectará en diferentes graos a unhas 1.340 persoas que pertencen aos centros de acollemento, á escola infantil, ao colexio de Infantil e Primaria, ao centro de hostelería Carlos Oroza, ao instituto Montecelo e ao centro de Educación Especial. A deputada Eva Vilaverde subliñou que en Príncipe Felipe hai usuarios de moi diferentes perfís, polo que "é fundamental organizar as actuacións, minimizar posibles problemas e cumprir coa legalidade vixente".

O Plan será redactado por unha asistencia técnica adxudicada á empresa Incope Consultores SL, que presentou un orzamento de 22.150 euros, rebaixando os 33.000 euros base da licitación. A previsión é que estea operativo na primavera de 2018.

MICROBÚS. Vilaverde tamén presentou este mércores o novo microbús adquirido pola Deputación para os usuarios dos centros de acollemento de Príncipe Felipe. O vehículo, que foi adquirido a través dun concurso por 148.000 euros a Pérez Rumbao, xa está dispoñible e servirá para realizar os traslados dos menores ás actividades e centros. Segundo manifestou a deputada, era necesario realizar un cambio do minibús anterior para mellorar a seguridade dos rapaces. A nacionalista destacou a súa versatilidade, xa que está adaptado a persoas de mobilidade reducida.

Co fin de desfacerse do anterior minibús e tamén doutro de 55 prazas (xa inutilizados), a Deputación puxo en marcha unha poxa para que os interesados presenten ofertas. O microbús de 20 prazas terá un prezo de saída de 1.050 euros e o bus de 55 prazas, de 1.000 euros. As ofertas poden presentarse ata o 23 deste mes e a poxa será o día 29.

Comentarios