domingo. 18.08.2019 |
El tiempo
domingo. 18.08.2019
El tiempo

A Deputación inicia o proceso de redacción duns estatutos para o Museo

Rolda de prensa de Mosquera e Leal. GONZALO GARCÍA
Rolda de prensa de Mosquera e Leal. GONZALO GARCÍA

O Goberno provincial anuncia a súa intención de devolverlle á institución museística a categoría de organismo autónomo

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de anunciar a súa intención de iniciar un proceso do que sairá a redacción duns estatutos para o Museo. O vicepresidente, César Mosquera, e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, tamén avanzaron que o obxectivo é devolverlle a categoría de organismo autónomo á institución museística (que perdera durante o mandato do goberno anterior). Así, entre outras cousas, contan con poñer en marcha un órgano asesor, que funcionará como ente consultivo da Deputación, único patrón do Museo.

"Non foi fácil poñer en marcha todo isto", sinalou Mosquera. "Pero facémolo porque agora contamos con todas as garantías de que sairá adiante".

A exposición detallada do proceso publicarase en breve no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e estará aberto a suxestións durante un mes.

O obxectivo inicial do Goberno provincial é rematar o mandato cun novo director do Museo nomeado (mediante un concurso público que segue aberto) e cuns estatutos redactados.

A constitución de organismo autónomo quedaría para previsiblemente para o verán, unha vez superada a convocatoria electoral do 26 de maio.

Preguntado polo recurso de reposición que presentou a asociación Amigos do Museo contra as bases das que sairía a contratación do novo director, Mosquera explicou que a Deputación recibe "centos, se non miles" destes recursos e que serán os servizos técnicos e xurídicos da institución os que o valorarán.

De igual maneira, ao respecto das declaracións do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao Diario de Pontevedra mostrando interese na transferencia do Museo, considerounas dentro "do periodo no que estamos", en referencia ao tempo preelectoral, e sinalou que, baixo o seu punto de vista, o interese non é real. "Hai outras transferencias bastante máis claras nas que non ten interese, moito menos nesta. Así que nós imos seguir coa nosa folla de ruta".

►Máis información na edición impresa de Diario de Pontevedra deste mércores◄

A Deputación inicia o proceso de redacción duns estatutos para o Museo
Comentarios