A Deputación investirá 2,1 millóns para reformar o CEIP Daría González

Farase un cambio de cuberta, un reforzo estrutural da fachada e substitución das carpinterías, así como melloras da habitabilidade, accesibilidade, conservación e da eficiencia enerxética
Presentación do proxecto de mellora do CEIP Daría González. ANXO LORENZO
photo_camera Presentación do proxecto de mellora do CEIP Daría González. ANXO LORENZO

A Deputación de Pontevedra destinará 2.132.126 euros a reformar o CEIP Daría González, na Cidade Infantil Príncipe Felipe, para convertelo "nunha referencia de ensino público" na cidade. Así o indicou este xoves a presidenta provincial, Carmela Silva, que presentou a intervención que se levará a cabo neste centro construído na década dos 70, de tres plantas, con patio exterior con xardín e horta, e que actualmente se atopa nun estado de deterioro que impide desenvolver "axeitadamente" a súa actividade.

As obras saen agora a licitación e, unha vez comezadas, desenvolveranse durante oito meses.

Silva lembrou que, "malia que a educación é competencia exclusiva da Xunta", os convenios firmados por anteriores responsables políticos da Deputación fan que sexa a entidade provincial a que debe facerse cargo do mantemento e conservación do edificio, algo que considera "incrible". Por iso, "e por responsabilidade", nos últimos tempos a Deputación está asumindo uns investimentos encamiñados a mellorar a habitabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética do edificio.

As obras desenvolveranse durante oito meses

O director da Cidade Infantil Príncipe Felipe, Manuel García Cendón, lembrou que, durante anos, "foi un centro moi solicitado polas familias, pois funcionaba moi ben", grazas ao seu proxecto educativo, ao claustro e ás súas instalacións.

Na actualidade, o edificio que acolle o CEIP Daría González ten fisuras, eflorescencias, desprendementos de morteiro, carpintería que facilita perdas enerxéticas e non proporciona un nivel mínimo de illamento acústico, cuberta deteriorada, non é accesible e o conxunto de deficiencias impiden acadar niveis de habitabilidade, salubridade e adaptabilidade axeitados, polo que era vital facer un "grande esforzo" para que o edificio "estivese nas mellores condicións", esforzo que vai parello ao acordo ao que chegou a dirección coa Xunta para estabilizar o claustro e poder ter un bo proxecto educativo.

Por outra banda, Silva anunciou que o proxecto foi presentado ao Pirep Local, enmarcado dentro dos Fondos Next Generation.

Eficiencia e accesibilidade
A reforma do CEIP inclúe as obras de cambio de cuberta, reforzo estrutural da fachada e substituír as carpinterías, así como mellorar a habitabilidade, accesibilidade, conservación e eficiencia enerxética do edificio. A primeira das liñas de traballo é a mellora da envolvente térmica, con tres obras principais como son a substitución do material da actual cuberta por paneis con mellor illamento; o recubrimento das fachadas e teitos en contacto co exterior e a substitución da carpintería exterior por unha nova de aluminio. Ademais, instalaranse 30 paneis fotovoltaicos. Estas actuacións conseguirán unha mellora da eficiencia enerxética do edificio.

Ademais de reformar dous aseos da planta baixa para mellorar a habitabilidade, reformarase un aseo adicional para facelo accesible. Tamén se substituirá o ascensor e reformarase unha sala lúdica para adaptala a persoas con diversidade funcional.

Comentarios