A Deputación investirá dous millóns para animar aos concellos a compostar

César Mosquera anuncia que o Plan Revitaliza obrigará a recoller o 100 por cento dos biorresiduos de xeito separado en 2020

César Mosquera na rolda de prensa. DP
photo_camera César Mosquera na rolda de prensa. DP

A Deputación de Pontevedra invita aos concellos da provincia a aplicar a compostaxe como modelo de xestión do lixo. Así o anunciou o xoves o vicepresidente, César Mosquera.

O nacionalista confirmou que a institución provincial decidiu abrir de novo a adhesión ao Plan Revitaliza. A iniciativa débese aos últimos cambios normativos europeos e estatais. Estes obrigarán aos concellos a compostar ou recoller de xeito separado os seus biorresiduos con data límite de 31 de decembro de 2020.

Mosquera explicou que a día de hoxe xa hai 36 concellos pontevedreses adheridos ao Plan Revitaliza, dos que seis están a traballar para que toda a súa poboación composte os restos orgánicos da cociña e vexetais, aproximadamente o 53% da bolsa do lixo.

O vicepresidente provincial apuntou que non estaba nas previsións da Deputación ampliar a convocatoria de adhesión, pero que a raíz dos últimos movementos da Comisión e o Parlamento Europeo, considerouse "oportuno dar o paso" para facilitar aos concellos a transición nos sistemas de recollida e tratamento. "Sabemos que vai haber avaliacións e sancións. Pode que haxa certa moratoria, pero no Estado hai interese en apurar a norma porque neste momento non se cumpren os obxectivos de separación e reciclaxe", engadiu.

Ademais, explicou que a Deputación abrirá unha nova convocatoria que vai permitir a incorporación á proposta provincial e, deste xeito, recibir axudas para mercar composteiros individuais, comunitarios, maquinaria e outro tipo de material necesario para poñer a andar a o plan.

"Entendemos que activar o proceso ten uns custes, pero sabemos que cando estea plenamente en marcha abaratará o sistema, e a Deputación quere axudar aos concellos para que poidan cumprir", insistiu.

O vicepresidente sinalou que as bases das axudas aprobaranse nos vindeiros días en Xunta de Goberno e serán publicadas no Boletín da Provincia en breve. Os concellos terán tres meses para presentar as súas solicitudes e despois terán marxe para facer as súas contratacións e xustificacións.

Comentarios