A Deputación lanza a sétima edición de 'DepoEmprende'

Na iniciativa, para a que xa está aberto o prazo de inscrición ata o 30 de setembro, poderán participar ata 32 centros educativos
Foto de familia do alumnado implicado nas cooperativas do centro na edición do ano 2020 de 'DepoEmprende'. GONZALO GARCÍA
photo_camera Foto de familia do alumnado implicado nas cooperativas do centro na edición do ano 2020 de 'DepoEmprende'. GONZALO GARCÍA

A Deputación lanza a sétima edición do programa DepoEmprende, que se desenvolverá ao longo do curso escolar 2022-2023. A iniciativa segue a ter como obxectivo fomentar o emprendemento no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, así como favorecer o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación e á convivencia. Desde a súa posta en marcha no ano 2016, teñen participado en DepoEmprende un total de 132 centros educativos da provincia, con case 3.500 estudantes.

O programa volverá a estar dividido en tres proxectos para diferentes etapas educativas. O primeiro, DepoEmprende na Escola, no que poderán participar un máximo de 12 centros, está dirixido ao alumnado de Educación Primaria (quinto ou sexto curso) e de Educación Especial, que crearán e xestionarán unha cooperativa na que fabricarán produtos para a súa venda. Parte dos beneficios que obteñan con esta actividade doaranse a accións sociais ou ás ONG que as socias e socios da cooperativa elixen por consenso.

DepoEmprende na ESO está enfocado a mozos e mozas de 15 a 16 anos (cuarto da ESO) que crearán tamén cooperativas nas que distribuirán produtos adquiridos de empresas provedoras segundo criterios de sostibilidade e RSC. Finamente, o proxecto culminará coa venda dos produtos e tamén unha parte irá destinada a accións sociais ou ONG. Nesta modalidade poderán participar un máximo de 10 centros.

Os centros educativos xa poden solicitar a súa adhesión ao programa e terán de prazo ata o 30 de setembro

Por último, DepoEmprende na FP vai dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior, que a través desta iniciativa desenvolverá proxectos empresariais nos que se potenciará a adquisición de competencias e aptitudes relacionadas co emprendemento. A Deputación ofrece un servizo de asesoramento que comprende apoio, mentorización, orientación e asesoramento directo ás e aos estudantes. 

Trala publicación o pasado día 10 das bases no Boletín Oficial da Provincia, os centros educativos xa poden solicitar a súa adhesión ao programa e terán de prazo ata o 30 de setembro.

Comentarios