Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

A Deputación lanza TurisTIC para apoiar o sector turístico co uso das novas tecnoloxías

Silva presentou a iniciativa acompañada por Santos Héctor, Javier Dios e os asesores de SmartPeme. DP
Silva presentou a iniciativa acompañada por Santos Héctor, Javier Dios e os asesores de SmartPeme. DP

O turismo concentra o 13% de todas as empresas que hai na provincia e o obxectivo é axudalas a mellorar a súa competitividade

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou este luns a iniciativa TurisTIC, que aspira a converterse "no punto de apoio do sector turístico provincial en materia de novas tecnoloxías". 

TurisTIC xorde da man de SmartPeme e enmárcase no Plan Estratéxico de Turismo, que puxo de manifesto a necesidade de potenciar o sector a través de axudas para adaptarse á contorna dixital e mellorar a súa competitividade. 

O turístico é un ámbito con moita forza na provincia, onde conviven máis de 10.000 empresas adicadas a este sector, que representan o 34% das que hai en Galicia. Segundo precisou Silva, "o 13%" de todas as firmas existentes no territorio provincial adícanse ao turismo. A maioría destas teñen menos de dez empregados e "son as que apostan polas novas tecnoloxías en menor medida". Por iso, a través desta proposta "preténdese impulsar esta formación, xa que as TIC están a cambiar a cadea de valor do sector", dixo a presidenta.

Realizarase unha diagnose inicial do grao de madurez tecnolóxica dos negocios e ofreceranse produtos e solucións TIC personalizadas

"Tanto a comercialización como o o consumo son diferentes, xa que cada vez acudimos máis ás redes sociais e deixámonos influenciar á hora de seleccionar un destino, un hotel ou un restaurante, e cada vez máis compramos billetes por Internet, reservamos aloxamentos online e pedimos experiencias personalizadas".

TurisTIC vai contar con tres grandes liñas de actuación: capacitación, un centro de demostración e unha aceleradora. A través da primeira preténdese achegar información e asesoramento personalizado ás empresas en materia TIC nas seis oficinas de SmartPeme (Lalín, Cambados, Pontevedra, Ponteareas, O Porriño e Vigo). Neste eido, realizarase unha diagnose inicial do grao de madurez tecnolóxica dos negocios e ofreceranse produtos e solucións TIC personalizadas, así como accións formativas que, nun principio, estarán englobadas en áreas como a xestión das redes sociais, sistemas de traballo en rede, servizos online, comunicación e marketing, xestión de datos, innovación e idiomas.

Silva reunirase nas próximas semanas co tecido asociativo turístico para presentar esta iniciativa

XORNADA. TurisTIC tamén vai organizar unha xornada de turismo dixital, prevista para outubro no Castelo de Soutomaior, na que se van amosar as novas tendencias e vantaxes da aplicación das TIC no sector turístico. Segundo adiantou Silva, "está previsto que asistan representantes de Minube e tamén de Seggitur e faremos entrega do I Premio Anual ás Mellores Iniciativas de Turismo Dixital, que ten por obxectivos promover a innovación e a calidade no sector recoñecendo diferentes categorías como a mellor idea de negocio, a mellor transformación dixital e a mellor campaña de promoción turística dixital e de innovación tecnolóxica". 

Pola súa banda, o centro de demostración pretende "servir de ponte e escaparate entre as empresas tecnolóxicas e as de turismo, dando a coñecer solución tecnolóxicas e novas ferramentas TIC a través de demostracións e exposicións", informou a presidenta. Para iso, centrarase en aspectos como a ciberseguridade, ‘apps’, ‘big data’, tecnoloxía e medios de pago,  entre outras cuestións. 

En terceiro lugar, na aceleradora vanse titorizar os proxectos máis destacados, así como potenciar as iniciativas emprendedoras innovadoras que desenvolvan tecnoloxías no sector turístico. Silva expresou o seu desexo de que TurisTIC chegue ao maior número de empresas e informou de que nas próximas semanas terá lugar unha reunión co tecido asociativo turístico para presentarlle esta iniciativa.

A Deputación lanza TurisTIC para apoiar o sector turístico co uso...
Comentarios