A Deputación mobiliza 2,2 millóns para mellorar a súa rede de estradas

As obras levaranse a cabo en 18 concellos e inclúense no acordo marco de conservación viaria
undefined
photo_camera Xunta de Goberno celebrada onte na Deputación. DP

A Xunta de Goberno da Deputación deu este venres luz verde á novas actuacións de conservación de firmes da rede viaria provincial, que suporán un investimento de 2,2 millóns de euros. Así o anunciou a presidenta da institución, Carmela Silva, quen precisou que estas obras se inclúen no Acordo Marco que regula estes traballos de mantemento para os case 1.700 quilómetros de estradas da Deputación e que conta cun orzamento global de máis de 4,4 millóns.

En concreto, os traballos aprobados este venres afectarán a 28 estradas que transcorren por 18 concellos ao longo dun total de 167 quilómetros. Nas comarcas de Deza, Terra de Montes e Caldas vanse realizar melloras por importe de 867.894 euros en viais de Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Cuntis e Valga. O resto das actuacións previstas levaranse a cabo nas comarcas do Baixo Miño, Condado, A Paradanta e Vigo (cun montante total de 1.411.638 euros).

Silva subliñou que estas actuacións engádense ás xa realizadas dende o ano 2017 a través de recursos provinciais e que entre todas suman ''máis de 17 millóns de euros'', polo que, en resposta ás últimas queixas do Partido Popular, asegurou que ''nunca se investira tanto no mantemento dos viarios provinciais''.

Por outra banda, a Xunta de Goberno da institución tamén aprobou este venres novos investimentos da liña 1 do Plan Concellos por máis dun millón de euros para sete municipios: Caldas Reis, A Lama, Cangas, A Estrada, Meaño, Cambados e A Cañiza. Para Caldas aprobáronse 330.000 euros.

Comentarios