jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

A Deputación mobiliza catro millóns para programas de axuda social

Carmela Silva compareceu acompañada pola deputada de Política Social, Olga García. DP
Carmela Silva compareceu acompañada pola deputada de Política Social, Olga García. DP
As achegas van destinadas aos concellos de menos de 50.000 habitantes e a entidades de acción social 

A Deputación de Pontevedra anunciou este venres que mobilizará este ano catro millóns de euros en investimentos sociais para cubrir as necesidades de persoas vulnerables mediante programas de inclusión e protección que levan a cabo os concellos e as entidades sociais e coas que disporán de máis recursos para facer fronte ás consecuencias da Covid-19.

Así o sinalou a presidenta, Carmela Silva, que compareceu acompañada pola deputada de Política Social, Olga García, e que asegurou que esta achega "é a maior que fixo nunca esta institución provincial en política social" e demostra "o compromiso desta Administración co padecemento da xente". "No 2020 fíxose un enorme esforzo por dotar de recursos extraordinarios aos concellos e colectivos porque a Xunta non estaba nin se esperaba por ela" e agora, no 2021 o investimento social da Deputación "axilízase e increméntase nun 3%", afirmou.

Máis polo miúdo, a Xunta de Goberno provincial aprobou 2,5 millóns do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais para os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes, o que supón un aumento do 5,3%. O plan asigna 1,3 millóns para sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar e 1,2 millóns para cubrir os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios. Como novidade, este ano os concellos poderán solicitar o adianto do 50% do importe que lles corresponda.

En segundo lugar, tamén se aprobaron as bases das subvencións por concorrencia ás entidades que traballan no ámbito social. Son 470.000 euros para financiar actuacións dirixidas a colectivos que, polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas, socioeconómicas ou outras se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade. Neste caso, como novidade, increméntase o importe máximo que pode recibir cada proxecto, que o ano pasado era de 6.000 euros e agora será de 7.000.

En terceiro lugar, xa teñen luz verde as axudas directas para proxectos de interese social, que, ao aprobarse definitivamente o Orzamento o pasado día 8, xa poden ser tramitadas. Desta forma axilízanse 372.000 euros que se repartirán entre 23 organizacións, entre elas Érguete, Cogami, Afapo, Afamp, Alborada, Afasal, Afamo, Xoga, Feafes, Arela ou Amencer-Aspace.

A maior parte do orzamento, 2,5 millóns, corresponde ao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais

E, en cuarto lugar, o vindeiro luns publicaranse no Boppo as bases para que os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes poidan solicitar as Axudas Básicas de Emerxencia 2021, ás que este ano a Deputación destina 565.000 euros, un 17% máis que o exercicio pasado. "Tamén adiantamos os prazos para que os concellos poidan dispor canto antes deste investimento e ofrecemos a posibilidade de que obteñan por adiantado un 50% do importe fronte ao 35% que estaba contemplado con anterioridade á pandemia", puntualizou Silva.

Neste caso, os concellos poden destinar estas axudas á atención das persoas en situación de vulnerabilidade para afrontar gastos de alimentación, vivenda, produtos farmacéuticos ou necesidades básicas. Como novidade, inclúese a adquisición de roupa e calzado, así como a compra de produtos de protección contra a Covid, como máscaras ou xel hidroalcólico.

A Deputación mobiliza catro millóns para programas de axuda social
Comentarios
ç