A Deputación pecha a III Aceleradora de Turismo con dez proxectos "brutais"

Emprendedores de Pontevedra, Redondela, Soutomaior, Sanxenxo, Mos, Oia e Vigo formáronse en TIC, imaxe dixital e competitividade
Silva felicitou ás e aos emprendedores que participaron nesta edición. DP
photo_camera Silva felicitou ás e aos emprendedores que participaron nesta edición. DP

"En tempos nos que o sector turístico, a hostalaría e o comercio están sufrindo de xeito terrible, produce ilusión e confianza no futuro ver que hai xente como todas e todos vós, que cre que as ideas se poden converter en realidade, que non se rende e aproveita as oportunidades". 

Así o afirmou este xoves a presidenta provincial, Carmela Silva, no demoday celebrado para poñer o broche de ouro á III Aceleradora de Turismo TurisTIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. "Nesta provincia hai talentazo", subliñou Silva ao referirse ás autoras e autores dos dez proxectos participantes nesta edición.

No acto, celebrado na sede viguesa da Deputación, a presidenta xunto ás deputadas Ana Mejías e Ana Laura Iglesias, enxalzou a ampla presenza de mulleres liderando as iniciativas, cunha porcentaxe do 78%.

Entre as e os emprendedores están Galicia Legends (Silvia Sancho, Pontevedra), "un proxecto da man da ilustración que dá resposta á demanda que temos de que nos conten historias"; Mr and Mrs Kendall (de Celso Gómez, Oia), unha app para crear o primeiro concierge dixital de Galicia; Viajes Airbus (de Isabel Pouton, Redondela); Amarturmar tamén chega de Redondela promovido por Nuria Novele, Encarna López, Rosario Alonso e Severino Casal; Recunchos (de Verónica García, Sanxenxo); Turismo de Historias (liderado por Silvia Cernadas, Soutomaior); Corticata (Luis Ángel Gómez, de Vilagarcía); Capttus (liderado por María Soliño, Vigo); a Fundación Pazo de Mos (Vanessa Ferreira, de Mos); e Alecrin (de Ana Vázquez, Vigo).

Para a presidenta da Deputación "todas as empresas participantes na aceleradora responden ao que está demandando a sociedade cando decide facer turismo e visitar un lugar, proporcionando experiencias e emocións, poñendo en valor a importancia das tradicións e apostando por converter os produtos empregando as novas tecnoloxías". Neste eido, asegurou que "as TIC están xa e son o presente. Quen non se sume a esta revolución non vai ter capacidade para poder manter, reforzar ou crear novas ideas empresariais. O modelo turístico ten que ir por aí, para facerlle fronte ás novas cuestións que demandan as persoas visitantes", dixo.

Así, todas as empresas que participaron nesta terceira edición da aceleradora marcáronse como obxectivos mellorar a súa presenza en redes sociais, impulsar un plan de marketing, crear unha nova web ou imaxe corporativa, actualizar o SEO, impulsar campañas promocionais, crear novos produtos e modelos de negocio e optimizar a comercialización. "Dixéronme as persoas que traballaron na aceleradora que a maioría das empresas estiveron traballando moito e cumpriron con todos os obxectivos marcados", asegurou Silva.

Comentarios