A Deputación pide que a Xunta se implique na transferencia da Escola de Cantería

Un canteiro junto a la pieza. DP
photo_camera Un canteiro traballa sobre unha peza. DP

A Deputación, a través da deputada delegada da Escola de Cantería, Noemí Outeda Prol, remitiulle unha carta á conselleira de Educación, Carmen Pomar, solicitándolle unha entrevista urxente, como "persoa titular do órgano que ten atribuída en exclusiva as competencias en materia de ensino regrado en Galicia" para "seguir avanzando nos trámites de cara á transferencia da Escola de Cantería".

Segundo informou o Goberno provincial, "a carta é consecuencia da moción presentada polo grupo provincial do PP, aprobada no Pleno do pasado día 13 por unanimidade, na que se acordou solicitar ao Instituto Nacional de Cualificacións (INCUAL) a creación de ciclos de FP que homologuen e incorporen ao sistema educativo regrado galego os estudos tradicionais da Escola de Cantería". A moción continúa a senda xa comezada pola Deputación na recta final do pasado mandato, dado que o 4 de marzo tamén foi aprobada por unanimidade unha iniciativa socialista no mesmo sentido.

Outeda Prol parte de que a tramitación ante o INCUAL é un "proceso longo" que remata coa aprobación dun Real Decreto, e explica que a Deputación está actualmente en proceso de regularización urbanística das instalacións construídas en Poio no ano 2000 de cara á obtención da licenza municipal de actividade, pois na actualidade funciona en precario. Unha vez normalizada a situación urbanística, a deputada pide a axuda da conselleira de Educación para axilizar a creación de dous certificados de profesionalidade por parte da Xunta como paso intermedio ata a obtención, unha vez rematados tódolos trámites, dos títulos de FP.

Outeda tamén solicitou que nos próximos Orzamentos autonómicos para 2020, a Consellería inclúa unha partida específica, correspondente ao 50% do custo de funcionamento deste centro.

Comentarios