A Deputación de Pontevedra destinará 80.000 euros a escolas de música

Todas as beneficiarias serán dependentes de asociacións sen ánimo de lucro
La presidenta de la Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. ADP
photo_camera La presidenta de la Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. ADP

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases para a concesión de axudas a escolas de música dependentes de asociacións sen ánimo de lucro para o 2019, polo que destinará un total de 80.000 euros a esta iniciativa, que ten por obxectivo subvencionar os gastos correntes e de persoal necesarios durante este ano.

Así, nun comunicado, a presidenta, Carmela Silva, explicou que estas achegas están destinadas a contribuír "ao funcionamento das escolas de música que dependen de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro" da provincia. 

Desta forma, a concesión das subvencións farase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta o número de alumnos matriculados no curso 2018-2019, o número de docentes, o orzamento de gastos da escola e as especialidades impartidas.

 As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través dun formulario que estará dispoñible na web da Deputación e o prazo abrirase ao día seguinte da publicación da convocatoria no BOPPO e terminará o 30 de setembro. 

O ano pasado beneficiáronse destas axudas un total de 14 escolas de música dos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Lalín, Vigo, Gondomar, Mos, Ponteareas, As Neves, O Rosal e Vilanova de Arousa.

Comentarios