A Deputación promocionará a provincia cunha obra a través da "mirada" de Cunqueiro

Apoia o desenvolvemento dun libro que reúne textos e conferencias do autor sobre vilas, paisaxes e tradicións pontevedresas
Álvaro Cunqueiro. DP
photo_camera Álvaro Cunqueiro. DP

A Deputación de Pontevedra promocionará a provincia cunha obra que percorre distintos puntos da mesma a través da "mirada" do escritor Álvaro Cunqueiro.  Así o avanzou este martes en Vigo a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, que explicou que "non tivo dúbida" sobre a participación da institución no desenvolvemento do libro Polos vieiros do fabulador. Cunqueiro e Pontevedra xunto á Editorial Galicia.

Neste sentido, Carmela Silva reivindicou o "paraíso paisaxístico, gastronómico, de lendas, tradicións, cultura e patrimonio" que representa a provincia de Pontevedra e sobre a que Cunqueiro "escribiu forma maxistral".

Deste xeito, afirmou que a través da obra publicada, que inclúe textos e discursos do autor, os lugares coñecidos "convértense en pura maxia" e permiten que os residentes na provincia "se sintan orgullosos de onde son".

Ademais, a presidenta da Deputación avanzou que entregará este libro como obsequio en actos nos que participará nos próximos días en distintas cidades españolas, xa que "non hai en todo o mundo unha guía turística desta envergadura". "Tereino como libro de cabeceira para promocionar a provincia", asegurou.

Así mesmo, Silva puxo o foco na "potencia" que representa a provincia de Pontevedra no sector editorial e recalcou a importancia de adquirir libros.

OBRA. O director xeral de Galaxia, Francisco Castro, sinalou que o libro "permite coñecer a provincia desde a mirada doutro fabulador" e detallou que inclúe textos en castelán, aínda que a maior parte dos mesmos están redactados en galego. Tamén indicou que o libro conta cun apartado que recolle conferencias impartidas por Cunqueiro en festas como as da Peregrina e a Camelia.

Este libro fai referencia a vilas, tradicións, paisaxes e gastronomía da provincia de Pontevedra a través dunha escolma de textos de Álvaro Cunqueiro. Así, esta obra, que xa está dispoñible nas librarías, recompila publicacións variadas do escritor.

Comentarios