A Deputación promoverá máis de 150 actos culturais en toda a provincia

O programa Con-Fiando Cultura suporá un investimento de 2,8 millóns e incluirá novidades como ópera electrónica, danza e murais no rural
undefined
photo_camera Carmela Silva presentou a programación xunto á deputada Victoria Alonso e a directora de Cultura Paula Cabaleiro. DP

Con-Fiando Cultura é o nome da programación que desenvolverá a Deputación ao longo do que queda de ano e que, cun investimento total de 2,8 millóns de euros, levará por toda a provincia máis de 150 actividades de música, patrimonio, teatro, escrita, cinema, lingua, arte, artesanía e historia. A presidenta da institución, Carmela Silva, presentouna onte acompañada pola deputada Victoria Alonso e a directora de Cultura da Deputación, Paula Cabaleiro, e explicou que a iniciativa ten por obxectivos "apoiar a este sector que sufriu tanto na pandemia e acadar a democratización da cultura".

Música e artes escénicas


Nestes ámbitos haberá dúas novidades. A primeira é Ópera Papaguena, un proxecto de ópera electrónica ideado polo compositor Iago Hermo que se estreará nas Ruínas de San Domingos en Pontevedra o 10 de setembro e rotará logo polos concellos do Grove, Caldas, Tui, Gondomar e Bueu. A segunda é Bailando a terra, un ciclo de danza en espazos naturais que se levará a cabo este verán en Tui, A Illa, Poio, Forcarei e Caldas, a cargo de Nova Galega de Danza, Trébede, Maisquedanza, Galicia en Danza e Unidance. A estas iniciativas hai que unir Música no Ar, con 13 actuacións de música clásica en espazos singulares entre xuño e setembro, e o programa teatral Tornar ás Táboas en concellos de menos de 20.000 habitantes . Creación artística As novidades serán Extramuros, que levará a Cortegada (Silleda) a sete artistas para realizar as súas propostas murais en colaboración coas mulleres deste territorio; e Depocrea, un programa de residencias artísticas de creación compartida, que terá lugar entre outubro e novembro. Por outra banda, a institución mantén Pontegal e Musigal, que desenvolverá 57 actuacións, e tamén as subvencións para actividades culturais, festivais audiovisuais e musicais ou escolas de música.

Patrimonio


Nos castelos de Soutomaior e de Sobroso volverá o ciclo Tras as ameas, con 14 actuacións de diferentes disciplinas que se desenvolverán do 30 de xuño ao 1 de setembro; e tamén regresará en setembro Historias cavadas, visitas escenificadas aos castros musealizados. Amais, continuarán as Rutas de Arquitectura, con catro propostas de setembro a outubro que percorrerán espazos barrocos e estarán guiadas por Estefanía López, Luz Paz e Paula Pita.

Escrita


Inclúe a III edición da Escola de Letras e os Roteiros Literarios, para os que desde onte mesmo se abriu a inscrición a través da web da Deputación. Serán cinco rutas, que de novo se levarán a cabo en primavera e que guiarán autores e autoras da Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega (AELG) por espazos de Vigo, A Estrada, Bueu, Pontevedra e Cuntis entre o 29 de maio e o 26 de xuño. Por outra banda, a Deputación seguirá co apoio ás Feiras do Libro da provincia que se desenvolverán entre maio e xullo no Porriño, Ponteareas e Vigo. Cinema e audiovisual

Neste apartado están integrados Pontevedra Plató de Cinema, o novo servizo de asesoramento a produtoras para rodaxes na provincia, Pontevedra Film Commission e o apoio aos festivais Rías Baixas Film Fest. Así mesmo, inclúese o Ciclo Mestre Mateo, coa Academia Galega do Audiovisual, que se está a desenvolver en Ponteareas, Poio, Redondela, Cambados e Forcarei; e o Ciclo Cinema Mulleres, en colaboración co Consulado Xeral da República Arxentina, con cinema feito por mulleres de ambos lados do océano Atlántico.

Artes, artesanía e historia Organizaranse varias exposicións na sede da Deputación en Vigo e tamén se celebrarán outras mostras itinerantes, como Cines de Pontevedra: Memorias dunha ilusión, Lebres como gacelas e Tecendo a natureza. Enrique Táboas.

Igualmente, continúan os Camiños de Laxeiro por lugares de inspiración do autor en Vigo (hoxe) e Pontevedra (o día 28). E están a celebrarse datas especiais co lema "Con-Fiando nas datas culturais", que inclúen o Día de Rosalía, da Poesía e do Teatro e os días do Libro, da Danza, das Letras, da Música, do Cinema e o Patrimonio Audiovisual.

Recoñecementos


Neste eido inclúense os Premios Otero Pedrayo e a II edición de Mulleres no Foco, aos que Silva definiu como "os Mestra Matea do audiovisual" e que terán a súa gala en setembro en Pontevedra. No eido das colaboracións con entidades inclúense os Premios María Luz Morales coa Academia Galega do Audiovisual; os Premios Martín Códax, a Asociación Ponte nas Ondas, a UNED e as fundacións Laxeiro, MARCO, Penzol e Museo do Pobo Galego.

Comentarios