Ramón Rodríguez: "O apoio á cultura é una responsabilidade común"

A Deputación recuperará a Bienal de Arte de Pontevedra en 2018

Xosé Leal traballa para rescatar a cita en dous anos ao tempo que prepara un plan de apoio ao sector profesional da cultura, que reforce os proxectos municipais ‘Pontevedra ten un puntazo’ e ‘Sétima Feira’ ► O conselleiro de Cultura, o deputado provincial e as concelleiras de Cultura e Promoción Económica reflexionan sobre as demandas da industria e defenden que a Administración xa realiza política estratéxica
Intervencion artistica dentro de la Bienal de Arte de Pontevedra en 2010.
photo_camera Intervencion artistica dentro de la Bienal de Arte de Pontevedra en 2010.

"Estamos traballando para recuperar a Bienal de Arte de Pontevedra", di o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal. "Para o próximo exercicio penso que non dará tempo, nin temos prazo nin o resultado sería probablemente o máis interesante, pero si que queremos que estea aí de novo, quizais en dous anos". 

A recuperación da Bienal de Arte de Pontevedra foi unha das cuestións que se reivindicou durante a mesa de análise do sector cultural local que Diario de Pontevedra organizou hai dúas semanas e na que participaron o responsable da área cultural da Universidade de Vigo, Manuel Morquecho; o presidente da asociación Culturgal (que agrupa ás cinco asociacións profesionais máis importantes do sector en Galicia: AGE, Escena Galega, Agem, Eganet e Agapi), Manuel Bragado, e as empresarias pontevedresas María Díaz (galería About Art) e Ana Barreiro e Marta Guirado (Taller Abierto Xestión Cultural). Responsables das distintas administracións reflexionan agora sobre algunhas das súas demandas como, por exemplo, o deseño dun plan estratéxico.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura: "É necesario potenciar o apoio ao sector, eu digo que si, pero non é só cousa da Administración senón de toda a sociedade"

Todos eles, dende o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o deputado provincial, Xosé Leal, ata as concelleiras de Cultura e Promoción Económica, Anxos Riveiro e Anabel Gulías, respectivamente, defenden que as institucións públicas xa realizan políticas estratéxicas de cara á consolidación da industria cultural en Pontevedra e en Galicia, se ben os representantes do Concello e da Deputación botan en falta unha maior implicación da Xunta. "Efectivamente dende os gobernos deberían xenerarse sinerxias que convirtan a da cultura nunha industria forte e potente en Galicia", di Leal. "A nivel autonómico sería moi importante que se asumise unha maior responsabilidade neste sentido potenciando moito máis, por exemplo, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para facer do noso sector cultural realmente iso: unha industria".

Anxos Riveiro, concelleira de Cultura: "Temos un potencial brutal. Agora ben, en Galicia, sacalo adiante tiña que ser liderado por quen tiña que ser liderado"

En termos semellantes se expresa a concelleira de Cultura. "Sempre que en Pontevedra se nos presentou un proxecto de interese, mesmo cando rebordaba amplamente o concello e houbo que apoialo economicamente, apostamos por el sen pensalo. Viñese de onde viñese. É que nin o dubidamos porque ten que ser así", explica Anxos Riveiro. "Agora, que se bota en falta un traballo claro e contundente de apoio ao sector creativo en Galicia por parte da Xunta? Eu creo que si. Temos un valor e un potencial brutal e sacalo adiante tiña que ser liderado por quen tiña que ser liderado". 

VIGO E PONTEVEDRA. O conselleiro de Cultura defende que a Xunta xa está desenvolvendo distintas liñas de apoio estratéxico ao sector cultural, "dende o audiovisual ao da lectura e o lingüístico", di. "Se o que se me pregunta é se é necesario potencialas, eu digo que si, pero tamén digo que non só se debe traballar dende as administracións, senón dende o conxunto da sociedade". Román Rodríguez tamén responde ás reclamacións dunha maior acción directa da Xunta no ámbito cultural sobre os territorios de Pontevedra e Vigo. "A Xunta actúa en todo o territorio galego. Non é xusto nin facer esa reclamación nin reducir a responsabilidade do apoio ao sector a unha única administración".

Xosé Leal, deputado de Cultura: "Todos os gobernos deberían asumir a responsabilidade de facer da cultura unha industria forte e potente"

O conselleiro apoia a súa afirmación mencionando a Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal; as actividades que se desenvolven nas bibliotecas públicas e a inauguración do calendario de feiras do libro na capital da provincia, entre outras cousas. 

O Culturgal é posto como exemplo de traballo conxunto por todos os representantes das distintas administracións. Tamén por Anabel Gulías, que defende as políticas estratéxicas que se fan dende o Concello de Pontevedra. "Que queda moito por facer? Home, seriamos moi soberbios se dixeramos que está todo feito, pero sinceramente penso que moi poucos concellos integran as empresas culturais nas súas políticas como o estamos a facer nós, dende a perspectiva económica". Pon como exemplo os proxectos ‘'Pontevedra ten un puntazo'’ e '‘Sétima Feira'’, que buscan aumentar a visibilidade das empresas creativas da cidade, así como a posta en marcha do Festival Novos Cinemas e do traballo que realiza a oficina da Film Commission (creada no ano 2013 pola concelleira socialista Carlota Román).

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica: "Poucos concellos integran as empresas culturais nas súas políticas coma facemos nós, dende a perspectiva económica"

TEATRO E MÚSICA. Precisamente, a Deputación de Pontevedra, ademais de traballar na recuperación para 2018 da Bienal de Arte, evento creado en 1969 e suprimido polo Goberno de Rafael Louzán tras celebrar a edición de 2010, prepara un plan de apoio ao sector profesional que complemente os proxectos desenvolvidos polo Concello. "Sería algo semellante ao que xa funciona na Deputación da Coruña. Estamos intentando darlle unha volta, entre outras cousas, porque contamos cunha maior limitación orzamentaria. Pero é unha fórmula interesante que se podería ben integrar no actual Pontegal, ben nun plan específico, e que apoiaría directamente a compañías de teatro profesionais e grupos de música, entre outros". 

A cuestión orzamentaria é a que está a atrasar tamén, segundo Leal, a recuperación da Bienal de Arte. "Por iso é tamén que estamos intentando darlle unha volta a esa convocatoria, que incorporará seguramente algunha sede a maiores, que ademais axude a distribuir pola provincia o espírito da Bienal", comenta o deputado provincial de Cultura. "O que nos preocupa e non queremos que suceda é que unha programación como a da Bienal, co orzamento que precisa, condicione outras actuacións, como a reapertura dos edificios do Museo de Pontevedra que están agora mesmo pechados por obras e reformas. Temos que cadrar estas dúas cuestións orzamentariamente. E son cuestións complicadas".

Comentarios