A Deputación pagará o salario anual dos mestres composteiros de 14 concellos

A Xunta de Goberno aprobará o venres axudas por case 300.000 euros para este exercicio
Mestres composteiros co técnico de Revitaliza (e) e Mosquera. CEDIDA
photo_camera Mestres composteiros co técnico de Revitaliza (e) e Mosquera. CEDIDA

Catorce dos concellos adheridos ao Plan Revitaliza recibirán de maneira inmediata subvencións da Deputación para contratar 15 mestres e mestras composteiras que se farán cargo dos centros de compostaxe e do control dos composteiros individuais de cada municipio. Este venres a Xunta de Goberno aprobará a axuda económica para este exercicio, que ascende a preto de 300.000 euros, e supón o 100% do salario para os oito meses que restan do ano.

A incorporación do persoal técnico para a compostaxe nos concellos está prevista para o 15 de maio, sen prexuízo de que se poidan producir retrasos motivados polo estado de alarma ou pola decisión dos propios gobernos locais. Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, a Deputación decidiu retomar o proceso selectivo que quedara paralizado na fase de concurso no mes de marzo pola emerxencia sanitaria levantando a suspensión de prazos de forma motivada, xa que o servizo de tratamento de residuos, no que se inclúe a compostaxe, está considerado esencial.

Hai que lembrar que nestes momentos están activos todos os centros de compostaxe da provincia dependentes do Revitaliza. Estes son atendidos por un servizo básico de mestras e mestres composteiros da Deputación que realiza os labores de control do proceso –medicións de temperatura, enchido, impropios...-, así como de mantemento das garantías sanitarias. Durante as semanas do estado de alarma a equipa do Revitaliza ten constatado un aumento moi significativo das achegas de residuos orgánicos nos composteiros. De feito, tense contabilizado que o nivel de enchido tense duplicado como media e case cuatriplicado nalgúns centros de compostaxe comunitaria.

As e os mestres composteiros que se incorporen como persoal interino municipal por programa pasarán a reforzar o servizo provincial. Os concellos que pasarán a contar con mestras e mestres composteiros para traballar seguindo as indicacións do plan de compostaxe son Vilaboa, Bueu, Cangas e a Mancomunidade do Morrazo na comarca do Morrazo; Illa de Arousa, O Grove e Valga na zona do Salnés; A Guarda e Tui no Baixo Miño; Mondariz e As Neves no Condado; Gondomar no Val Miñor; e Poio e Ponte Caldelas na comarca de Pontevedra.

Para a concesión das subvencións aos concellos que este venres aprobará a Deputación, tivéronse en conta diferentes parámetros, principalmente, a experiencia acumulada no tratamento dos residuos orgánicos a través da compostaxe tanto nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) como a través de composteiros individuais de exterior (COIN), ademais da realización doutras accións destinadas a fomentar a separación en orixe da FORM e a reciclaxe do resto das fraccións. Tamén se valorou a posibilidade de que os concellos teñan posibilidade de acadar o tratamento progresivo da totalidade da fracción orgánica de residuos municipais por medio de composteiros.

As subvencións para a contratación do persoal técnico aos concellos non se limitará a este exercicio de 2020, senón que se prorrogará durante dous anos máis aínda que con menor contía económica. Así, no 2021 a Deputación achegará o 50% (179.858,25 euros) e no 2022 unha partida de 107.914,95 euros (30%), facendo un total de 575.546,40 euros nos tres anos.

Comentarios