Deputación e UVigo vólvense aliar para animar ás mozas a elixir áreas científicas

A través do proxecto 'Inspira STEAM', mulleres profesionais das ciencias e das tecnoloxías tutorizarán ás rapazas nos centros educativos para motivalas a escoller estes campos de traballo
undefined
photo_camera O obxectivo é inspirar as nenas a elixir carreiras de ciencias ou tecnoloxía. ARQUIVO

Só un 24,5% do alumnado de Enxeñería e Arquitectura son mulleres e estas unicamente representan o 12% nas facultades de Informática, o 8% nas de Telecomunicacións e o 11% nas de Física. Para mudar esta realidade, a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo porán en marcha un novo proxecto de colaboración destinado a animar as rapazas a elixir carreiras STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías, Arte e Matemáticas).

Así o anunciaron este mércores a presidenta provincial, Carmela Silva; o reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Natalia Caparrini, que celebraron unha reunión para dar a coñecer o programa 'Inspira STEAM'.

Tal e como explicaron, a iniciativa consistirá en que mulleres que están formadas ou traballan no ámbito destas titulacións manterán sesións de mentorización nos centros escolares co obxectivo de inspirar e motivar as nenas a elixir este tipo de carreiras. Para iso, as mentoras recibirán unha formación previa co fin de levar a cabo esta tarefa. Deste xeito, falaranlle ao estudantado sobre referentes femininas históricas e actuais e tamén desenvolverán accións co obxectivo de romper estereotipos.

As mulleres representan só o 8% do alumnado de Telecomunicacións e o 24,5% de Enxeñería e Arquitectura

Non é a primeira vez que a Deputación e a UVigo poñen en marcha unha iniciativa deste tipo, pero, segundo explicou Natalia Caparrini, nesta ocasión presentáronse máis candidatas para ser mentoras e a Universidade confía tamén en superar as cifras de participación do pasado curso. De feito, está aberta a inscrición dos centros. "É unha oportunidade para dar a coñecer a ciencia á toda a mocidade e sobre todo entre as nenas, para que vexan a relevancia que ten e os contextos nos que se pode realizar", sinalou.

"As mozas estanse a matricular por debaixo da media naquelas carreiras que van supoñer a actividade non xa do futuro, senón do presente", apuntou Carmel Silva. "As carreiras STEAM estarán presentes en todo o desenvolvemento económico do mundo e van xerar empregos de maior calidade e mellores salarios. E se non temos mulleres, estaremos en inferioridade de condicións. Se a metade da poboación non está nestas cuestións que teñen que ver coa ciencia, coa innovación e co cambio da economía, a humanidade estará coxa", dixo.

Tamen o reitor Manuel Reigosa recoñeceu que as titulacións científicas e tecnolóxicas están a perder pulo no que a presencia feminina na universidade se refire e destacou que con iniciativas como 'Inspira STEAM' a UVigo aspira a que "polo menos a metade ou un pouco máis do talento que temos nas nosas aulas sexa feminino".

O proxecto de colaboración coa Deputación para acadar este obxectivo naceu no ano 2018 inspirado no desenvolvido na Universidade de Deusto e que xa está en marcha noutras comunidades como Madrid, Cataluña, Andalucía, Asturias e Murcia, tal e como lembrou Carmela Silva.

A presidenta provincial destacou que a de Vigo é "unha referencia nas universidades de todo o Estado no eido das políticas ligadas á igualdade", con múltiples proxectos como a web da Cátedra Feminismos ou a iniciativa para a visibilización do traballo da muller no mar.

Comentarios