domingo. 28.11.2021 |
El tiempo
domingo. 28.11.2021
El tiempo

As deputacións de Pontevedra e Valencia cooperarán para impulsar o turismo

undefined
Carmela Silva, durante a súa visita a Valencia xunto a Antoni Gaspar. DP
Apoiarán a conexión aérea entre Valencia e as Rías Baixas para reactivar o sector e o do comercio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo este mércores en Valencia un encontro institucional co seu homólogo valenciano, Antoni Gaspar, no que sentaron as bases para cooperar en diferentes eidos.

Os dous presidentes concordaron en apoiar o reforzo da conexión aérea entre o aeroporto de Vigo-Rías Baixas e o de Manises, a fin de reactivar o sector turístico entre ambos territorios e promover relacións comerciais e económicas. Silva e Gaspar afondaron deste xeito na liña xa adiantada pola Generalitat valenciana e o Concello de Vigo e subliñaron que o cada vez maior volume de turistas entre ambos territorios e o incremento das empresas con intercambios comerciais veranse "claramente beneficiados" con este reforzo das conexións aéreas.

No que atinxe ao turismo, coincidiron na idea de fomentar accións conxuntas para promocionar o Roteiro dos Fenicios e xerar un produto turístico internacional de calidade en torno á arqueoloxía. Hai que lembrar que Valencia foi un dos escenarios da exposición impulsada pola Deputación Galaicos: Un pobo entre dous mundos, que se exhibiu no Museo da Prehistoria cunha grande acollida, e que o patrimonio en torno a esta antiga ruta comercial conecta as provincias de Valencia e Pontevedra. A idea de ambas administracións pasa por sumar sinerxías para desenvolver accións conxuntas coas que promocionar este roteiro a nivel internacional e mesmo aproveitar a captación de fondos Next Generation no marco da Estratexia de Creación, Innovación e Fortalecemento de Oferta País, a próxima convocatoria de produto turístico.

No encontro, tamén puxeron en común as iniciativas que ambas administración están a levar a cabo en materia de igualdade, así como a necesidade de contar con plans de investimentos nos concellos con criterios obxectivos e respectando a autonomía municipal.

Silva e Gaspar falaron doutros puntos en común, como as iniciativas levadas a cabo no marco da Axenda 2030 e analizaron o papel das deputacións no fomento do deporte base e no eido da inclusión, con especial referencia á accesibilidade e a visibilización do deporte feminino.

Sinatura no libro de honra e visita cultural
Carmela Silva, acompañada polo deputado Gorka Gómez, foi recibida na sede da Deputación de Valencia polo presidente Antoni Gaspar e polo vicepresidente Carlos Fernández Bielsa. 

Trala foto de familia ante a escaleira imperial do inmoble, Silva asinou no libro de honra da institución, nun acto celebrado no Salón de Plenos, onde recibiu como obsequio a figura de porcelana A lectora, "porque as Deputacións son femininas", como subliñou Gaspar.

Pola súa banda, Carmela Silva fíxolle entrega da escultura da camelia elaborada pola artista Ana Tenorio, Premio Nacional de Artesanía, e do libro Polos vieiros do fabulador de Cunqueiro, editado pola Deputación e Galaxia. 

De seguido, visitaron a exposición Arqueoloxía dunha icona, que conmemora os 90 anos do achado da figura de bronce de orixe íbera El Guerrero de Moixent e analiza a repercusión social deste símbolo do patrimonio valenciano.

As deputacións de Pontevedra e Valencia cooperarán para impulsar o...
Comentarios
ç