O deputado provincial de Cultura elixirá e controlará ao novo director do Museo

As bases da convocatoria para o posto de dirección da institución especifican que o tribunal técnico de valoración só sinalará que candidatos cumpren os requisitos e deixará a selección final ao político ▶Entre os motivos dun posible cesamento inclúense "unha avaliación negativa do desempeño" e "a perda de confianza"

O actual deputado provincial de Cultura, Xosé Leal. DAVID FREIRE (ADP)
photo_camera O actual deputado provincial de Cultura, Xosé Leal. DAVID FREIRE (ADP)

A aspiración que manteñen os traballadores do Museo de Pontevedra sobre a posibilidade de que a institución volva funcionar de xeito independente á Deputación Provincial, o organismo ao que pertence, esvaécese. As bases que regulan a convocatoria do novo posto de dirección, que saíron publicadas este mércores no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), confirman que será o deputado provincial de Cultura o que teña a última palabra sobre a selección do candidato, o que controlará o seu traballo e o que terá nas súas mans o seu cesamento.

Así, aínda que se anunciou por parte da Deputación que habería un "órgano competente de valoración conformado por funcionarios de Cultura, Persoal e Secretaría", que funcionaría como "un tribunal", en realidade, nas bases aclárase que este "órgano técnico de valoración da idoneidade das persoas aspirantes", conformado polo secretario da Deputación, polo xefe de Servizo de Cultura e pola xefa do Servizo de Recursos Humanos, só confirmará que candidatos se axustan ás bases e cumpren os requisitos. A seguir, informará ao deputado de Cultura. Será el, neste caso Xosé Leal, o que seleccione á persoa máis apropiada para o cargo. O deputado resérvase ademais "a posibilidade de concertar entrevistas coas persoas aspirantes consideradas idóneas polo órgano técnico para a exposición do proxecto", ata un máximo de catro. Finalmente, informará da súa decisión ao deputado delegado en materia de persoal para proceder á designación do novo director.

Entre as funcións da nova dirección están "todas aquelas para as que puidese resultar comisionado polo presidente ou deputado"

ATRIBUCIÓNS. O deputado non só terá a última palabra en canto ao nomeamento do novo director, tamén revisará de xeito permanente o seu traballo, poderá cesalo se considera que non cumpre coas expectativas ou por perda de confianza e mesmo influirá no que se considera que son ou non as súas atribucións. Así o especifican as bases. "O cesamento neste posto directivo poderase producir por causas obxectivas vinculadas a unha avaliación negativa do desempeño, á perda de confianza ou a graves e continuadas dificultades de integración no equipo directivo, aprezadas polo deputado delegado da área de Cultura e Lingua (...)".

Igualmente, "a persoa directiva estará suxeita a avaliación periódica segundo os criterios de eficacia e eficiencia, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados con relación aos obxectivos que fosen fixados". Do resultado desa "avaliación periódica" dependerá "a continuidade no posto que desempeñe" e "a contía da parte variable da retribución", como directivo con contrato laboral de alta dirección que é.

A convocatoria publicada no BOPPO inclúe, ademais das funcións coñecidas da dirección (coordinar as actividades do Museo, propoñer exposicións, controlar a catalogación e conservación de fondos, etc.), dúas que dependerán directamente da Deputación: "Todas aquelas [funcións] para as que puidese resultar comisionado expresamente polo presidente ou deputado delegado ao cargo" e "calquera outra función que lle sexa atribuída".

Prazos. O nomeamento producirase en dous meses
As bases da convocatoria publicada no BOPPO establecen que se abre un prazo de 30 días hábiles dende este xoves para presentar candidaturas. A continuación, a Deputación terá "un prazo máximo dun mes" para nomear un novo director.

Retribución
Ademais de que se trata dun posto de directivo profesional con rango de alto cargo, as bases da convocatoria establecen que terá unha retribución bruta anual de 60.836, 84 euros.

Hemeroteca
Se ben hoxe se descarta a posibilidade de que o Museo recupere unha certa independencia no seu funcionamento, o actual Goberno provincial (PSOE-BNG) fixo súa esta aspiración cando ocupou a Deputación en 2015. "Como dixemos dende o primeiro día, os profesionais volverán dirixir a institución", dicía Xosé Leal en agosto daquel ano. "Queremos profesionalizar a xestión do Museo e evitar interferencias de matiz político", sinalou César Mosquera en xullo.

Comentarios