Deputados do PP de Pontevedra piden ao Goberno un plan urxente de apoio á hostalería

Reclaman reducir o Iva turístico ao 4%, axudas directas para o sector e colaboración económica co Xacobeo 2021-2022
Reunión telemática dos deputados e senadores do PP de Pontevedra. DP
photo_camera Reunión telemática dos deputados e senadores do PP de Pontevedra. DP

Deputados e senadores do Partido Popular de Pontevedra mantiveron este martes unha xuntanza telemática para coordinar a labor do grupo, e na que aproveitaron para despedir e agradecer o traballo de María Ramallo, que a finais deste mes presenta a súa renuncia na cámara baixa, e dar a benvida a Juan Constenla, que será quen lle dea relevo no Congreso. Durante o encontro, os populares priorizaron seguir demandando do Goberno central un plan urxente de apoio ao turismo e á hostelería.

Así, din que "fronte á subida xeneralizada de impostos do Goberno central ás clases medias e traballadoras", desde o PP propoñen que se reduza o Iva turístico ao 4%, que se aproben axudas directas para o sector e que reconsideren colaborar economicamente co Xacobeo 2021-2022. Nesta liña, consideran que "o Goberno central ten que deixar de ser un espectador da crise sanitaria, económica e social que está padecendo todo o país, ten que asumir a súa responsabilidade e competencias e apostar por reactivar un dos sectores máis importantes do país e que máis está sufrindo os efectos negativos da pandemia". "Hai unha deixación de funcións absoluta", critican.

En contraposición, destacan o plan da Xunta de apoio á hostelería, que garante 50 millóns de euros para o seu segundo Plan de Rescate a autónomos, microempresas e hostalería. Eses fondos súmanse aos 86,2 millóns da primeira convocatoria, co que "serán en total case 140 millóns de euros en apenas 90 días".

Comentarios