"Os dereitos non se negocian; as nosas vidas non se negocian"

Marikasxlafiesta reivindica a liberdade e a diversidade na clausura da Semana do Orgullo
2020062814324940383
photo_camera Ariezzz (esquerda) e Meiga-i, na Praza da Verdura. DAVID FREIRE

"Aquí estamos o colectivo LGBT+ e as persoas que non teñen medo á diversidade, mentres noutro lugar de Pontevedra hai xente que quere ver os nosos dereitos recortados, que volvamos ao armario porque somos unha molestia. A nosa resposta é clara: molestar un pouco máis, facer máis ruído. Os dereitos non se negocian. As nosas vidas non se negocian. Aquí estamos e punto". A reflexión de Javi Sánchez Nosolojavi, do colectivo Marikasxlafiesta, a propósito do acto electoral que o partido de extrema dereita Vox celebraba na Praza de España, apenas uns minutos antes de que dera comezou a clausura da Semana do Orgullo en Pontevedra, foi saudada cunha ovación polas ducias de persoas que asistían, na Praza da Verdura, ao espectáculo protagonizado polo propio Nosolojavi, no seu papel de Meiga-i, e por Ariezzz.

A capital de Pontevedra despediu desta maneira, cun show marcado pola diversión, pola música e pola reivindicación da liberdade e da diversidade, unha programación que incluíu accións contra a plumofobia, un San Xoán travesti, o fallo do premio de literatura LGTB+ Pinto e Maragota e actividades de difusión do traballo do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (Cides) da cidade.

"Hai xente que quere que volvamos ao armario porque somos unha molestia. A nosa resposta é clara: molestar un pouco máis"

O mal tempo obrigou a Marikasxlafiesta a trasladar á tardiña o espectáculo que tiñan preparado para o mediodía. "Sí, o vermú pasou a ser merenda", explicaba Nosolojavi. A poalla non impediu que finalmente o colectivo realizase o seu show, iso si, adaptado ás circunstancias: sen contacto físico co público. "Como todo o que se fai agora mesmo. Esta foi unha Semana do Orgullo atípica en xeral. Pero sucedeu igual, porque é o Orgullo unha reivindicación permanente, sexa como sexa", comenta Nosolojavi. "No noso caso houbo que darlle moitas voltas ás propostas para evitar o contacto e cumprir coas recomendación sanitarias. A interacción co público volveuse mínima, aínda que é precisamente o que máis nos gusta do que facemos".

O vermú do ciclo Pinto e Maragota, en sesión de tarde, tivo como eixe temático o circo. "A circa, as pallasas, porque despois de tantos meses pechadas, ficamos totalmente desfasadas. Non entendemos nada. E volvémonos unhas pallasas. Agora saímos por fin ás rúas de Pontevedra para enchelas de luz, cor e diversión".

Comentarios