Desafío Niemeyer

A pontevedresa Amelia Palacios participa na exposición ‘Camiño do Norte. Visións Contemporáneas’, de Compostela Ilustrada

A creadora pontevedresa Amelia Palacios traballando fronte ao Centro Niemeyer de Avilés. COMPOSTELA ILUSTRADA
photo_camera A creadora pontevedresa traballando fronte ao Centro Niemeyer de Avilés. COMPOSTELA ILUSTRADA

Chámanse urban sketchers e son tendencia en todo o mundo. Os afeccionados a debuxar in situ paisaxes urbanas e arquitectura das cidades, de xeito semellante ao que sería un caderno de viaxe, veñen organizándose e reivindicándose dende hai tempo. Realizan encontros, agrupánse en contas da rede social Instagram, montan exposicións...

Compostela Ilustrada é un proxecto que funciona arredor deste ámbito na capital de Galicia. Na mostra que ten este mes na galería Sargadelos de Santiago, Camiño do Norte. Visións Contemporáneas, participa Amelia Palacios (Pontevedra, 1986) cunha serie de ilustracións do Centro Niemeyer de Avilés (Asturias). Esta proposta, que ademais busca contribuír á visibilización da muller no mundo da arte, inclúe tamén obras doutras tres creadoras, Aurora Villaviejas, Ana Grasset e Pilar Barral, e poderá visitarse ata o venres 28 de xuño. No acto de clausura (19.00 horas, entrada libre) presentarase, ademais, a publicación que resulta desta experiencia colectiva.

"O ambiente dos 'urban sketchers' é sempre xeneroso. Encántame"

"Para min isto foi un desafío. Encantoume facer este traballo", comenta Amelia Palacios. "Non coñecía o sitio e tiña moitas ganas de coñecelo. Foi moi interesante enfrontarme a el desta maneira. Gustoume moito facelo. Foi todo moi bonito". Para a artista, a maior dificultade da proposta residía en dar coa linguaxe axeitada "para rodear dunha certa coherencia o resultado". Unha vez atopada, os debuxos fluíron máis rapidamente.

Unha das dez ilustracións de Amelia Palacios que se poden ver na mostra
[Unha das dez ilustracións de Amelia Palacios que se poden ver na mostra. COMPOSTELA ILUSTRADA]
 

Compostela Ilustrada vén organizando, en Santiago, dende 2016, toda unha programación arredor dos cadernos de viaxe. Das súas propostas forma parte unha convocatoria anual a diferentes artistas para facer debuxos co Camiño como tema central.

"Nesta ocasión convidáronnos a participar a catro ilustradoras traballando sobre o tema deste ano: o Camiño do Norte". As autoras tiveron que traballar durante catro xornadas concretas ao mesmo tempo. "Estabamos en contacto continuo, compartindo a través do WhatsApp os debuxos. O proxecto acabou creando un vínculo entre nós, que non nos coñeciamos persoalmente e que eramos de distintos lugares: de Pontevedra, de Santiago, de Sevilla e de Madrid". A cada unha delas asignóuselle un edificio significativo dunha cidade distinta e sobre el debía realizar unha serie de dez obras.

"En todos os casos eran exemplos de arquitectura contemporánea. Para un ilustrador é moi chulo traballar con obras destas características", conta a creadora pontevedresa. "Tiñamos o Museo Guggenheim de Bilbao, o Centro Botín de Santander, o Centro Niemeyer de Avilés, que foi o que me tocou a min, e distintos espazos da cidade de Santiago: dende a Cidade da Cultura ao Auditorio de Galicia pasando polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)".

Amelia Palacios di gozar especialmente dos encontros de urban sketchers, nos que xa tiña participado con anterioridade. "É sempre un ambiente moi xeneroso, de partilla, de intercambio, de aprendizaxe colectiva", conta. "É unha marabilla participar de proxectos coma este".

Comentarios