Descenden as denuncias por incumprimento das restriccións en Pontevedra

Tino Fernández quixo agradecerlle aos hostaleiros "o esforzo que están a facer para que esas normas se estean a cumprir"

Una patrulla de la Policía Local de Pontevedra vigilando el cumplimiento de las medidas en una terraza. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha patrulla da Policía Local de Pontevedra vixiando o cumprimento das medidas nunha terraza. RAFA FARIÑA

O tenente de alcalde de Pontevedra e viceportavoz municipal, Tino Fernández, informou este luns sobre as denuncias efectuadas na última semana pola Policía Local en relación ao cumprimento das restricións para previr os contaxios de Covid-19: un total de 25 denuncias, cinco de luns a xoves e 20 de venres a domingo. Trátase dun descenso importante de sancións, o que indica que "as normas estanse a cumprir cada vez con máis rigorosidade por parte dos cidadáns e da hostalería", apuntou o edil socialista.

Neste sentido, Tino Fernández quixo agradecerlle aos hostaleiros de Pontevedra "o esforzo que están a facer para que esas normas, necesarias para previr e conter este virus, se estean a cumprir".

"O nivel de cumprimento é altísimo, así nolo trasladan dende a Policía Local e así se reflicte nun número moi baixo de denuncias", apuntou. 

Unha das denuncias foi pola celebración dunha festa con oito persoas nun galpón en O Arco (Lérez). "É unha festa prohibida, que non se debe celebrar, pero pequena. Unha única festa detectada ao longo de toda unha semana indica que se está a cumprir a normativa de forma moi masiva e iso é sempre unha boa noticia. Imos mellorando, pero aínda nos queda bastante por mellorar para poder estar tranquilos", valorou o concelleiro.