Valdecorvos terá un novo parque infantil con columpios, cancha multideporte e área canina

A intervención, impulsada polo socialista Iván Puentes, destina máis de 175.000 euros a un proxecto que suporá unha mellora paisaxística integral da Praza das Regas, coa creación de zonas de estancia con bancos e mesas situadas na sombra de arboredo autóctono  
Proxecto dos columpios no novo parque da Praza das Regas. D.P.
photo_camera Proxecto dos columpios no novo parque da Praza das Regas. D.P.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible destinará unha achega de 175.236 euros a un proxecto de mellora paisaxística integral da zona verde da Praza das Regas, en pleno corazón do barrio de Valdecorvos.

A intervención, impulsada polo socialista Iván Puentes, contempla a construción dun novo parque infantil deseñado con elementos naturais, como madeira procedente de produción sostible certificada (na área central deste ámbito, a carón do camiño existente), e que contará cos seguintes espazos: zona de xogos para rapaces máis pequenos, con casiñas, escadas, elementos de xiro ou balancíns; zona de xogos para rapaces maiores con pórticos de columpio, cesta e redes tridimensionais, e zonas de estancia con bancos e mesas con bancos situadas na sombra de arboredo autóctono.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, visitando Valdecorvos. D.P.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, visitando Valdecorvos. D.P.

Ademais, o proxecto traducirase na creación dunha pista multideporte na parcela norte, onde se eliminarán as especies invasoras existentes e plantaranse microbosques de especies autóctonas, co obxectivo de loitar contra os efectos do quecemento global e mellorar a biodiversidade urbana do barrio. Segundo explica Iván Puentes, "a mellora paisaxística tamén prevé a dotación destes microbosques arredor dos composteiros e no contorno das zonas de xogo". "Trátase de crear pequenos bosques -sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible- mediante o antigo método xaponés denominado miyawaki, que consiste en plantar árbores próximas en pequenos grupos. Deste xeito, xérase un mini ecosistema autosostible con gran capacidade de retención de CO2, promovendo a vida de aves, insectos e outros animais que poden habitar nestes espazos".

Tal e como apunta o portavoz municipal do PSOE, "uns 15 anos despois do desenvolvemento urbanístico destas zonas libres que conforman o parque da Praza das Regas, consideramos necesaria unha actualización do espazo para adaptalo ás novas necesidades de uso da veciñanza do contorno, así como aos estándares de deseño de calidade que estamos a aplicar nas zonas verdes de Pontevedra". Por outra banda, a filosofía do proxecto mantén un elemento transversal a tódalas novas actuacións que a Concellería está a executar: a adaptación ao cambio climático e a mellora dos ecosistemas da cidade.

Plano do proxecto no novo parque na Praza das Regas (Valdecorvos)
Plano do proxecto no novo parque na Praza das Regas (Valdecorvos)

"As demandas da veciñanza contemplan, dunha parte, a necesidade dun parque de calidade no que poder estender as súas vidas cara ao exterior das vivendas, o que se traducirá na dotación de diversas zonas de estancia, con especial atención ás condicións para a infancia (unha nova área de xogos con zonas específicas para pequenos e maiores), e por outra banda, a importancia de contar cunha pista deportiva de xogos múltiples. Tamén se incorpora ao proxecto a construción dun parque para cans que dea resposta as peticións para crear este tipo de instalacións no barrio", asegurou Iván Puentes.

Proxecto do parque canino en Valdecorvos. D.P.
Proxecto do parque canino en Valdecorvos. D.P.

Comentarios