A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, continúa no seu empeño de que tódalas zonas de lecer infantil de Pontevedra cumpran coas normativas autonómica e europea en materia de seguridade e poidan certificarse anualmente pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).
O departamento municipal, a través do seu Servizo de Parques e Xardíns, acaba de poñer en marcha as obras de mellora integral do parque infantil situado na Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos, unha actuación que conta cun orzamento global duns 15.000 euros.
Segundo sinala Iván Puentes, a actuación implicará "unha ampliación da zona de lecer infantil, necesaria para poder acadar a certificación da ENAC", así como na renovación de tódolos elementos de xogo e randeeiras (cadeas, cadeiras...) e na instalación dun novo pavimento con base amortecedora e céspede artificial "que permitirá mitigar e suavizar ao máximo as posibles caídas dos nenos".
"Tamén se renovará o valado de peche perimetral do parque -sinala o concelleiro do PSOE- e efectuarase unha plantación de árbores no seu contorno, xa que se detectou a existencia dun déficit de sombra".
Estas obras están a ser executadas pola empresa Garocaprim SL e prolongaranse durante unhas tres semanas (o prazo dependerá das condicións meteorolóxicas).