A desinfección de parques infantís en Pontevedra custará 1.258 euros ao día

Desenvolvemento Sostible realizará unha achega total que supera os 153.000 euros
Tarefas de desinfección de parques infantís en Pontevedra para combater ao covid. DP
photo_camera Tarefas de desinfección de parques infantís en Pontevedra para combater ao covid. DP

A Xunta de Goberno Local aprobou unha nova prórroga de catro meses do contrato de desinfección e limpeza diarias dos 62 parques infantís da Boa Vila. Así, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural achegará 153.481,87 euros, o que implica un investimento de 1.258 euros ao día para dar cumprimento ás medidas esixidas pola Xunta dende o pasado verán. 

O edil socialista Iván Puentes informou de que, a maiores, están a tramitar a contratación ordinaria do servizo pola vía dun acordo marco, para que este se manteña unha vez transcorrida a prórroga.   

Deste xeito, a limpeza e desinfección dos espazos de recreo corre a cargo de catro brigadas integradas por dúas persoas, que entre as 00.00 horas e as 7.00 horas traballan para garantir unhas adecuadas condicións hixiénico-sanitarias. Con todo, Puentes quéixase de que a Xunta non "asuma nin un peso deste gasto extra”, que supón un grande desembolso monetario para o Concello.