miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

Despedida a unha librería de conto: adeus a Seijas despois de catro décadas

Luz Gallego e Manuel Seijas. DAVID FREIRE
Luz Gallego e Manuel Seijas. DAVID FREIRE
Este espazo clave na historia cultural recente de Pontevedra traspásase tras 40 anos na Avenida de Vigo

"As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos", dicía a escritora María Victoria Moreno. A frase preside o escaparate dunha histórica librería pontevedresa especializada en literatura infantil, Seijas, na Avenida de Vigo número 13, preto da que foi a casa da autora homenaxeada o Día das Letras Galegas de 2018 e que ela visitaba asiduamente. "María Victoria era unha amiga moi querida, unha mestra de vida", resume Luz Gallego, que vén de colocar enriba da frase de Moreno un cartel no que se indica que a librería se traspasa por xubilación. "Neste caso, a decisión non ten nada que ver coa covid. Simplemente cumprimos 40 anos e pensamos que é hora de pechar esta etapa. Chegou o momento".

Pendente de se se realiza finalmente o traspaso ou non, Luz Gallego, Nenuca, como lle chaman os que máis a queren, seguirá á fronte do negocio ata xuño. "Ata finais de curso", di ela. Despois, xa se verá. "Oxalá este recuncho en Avenida de Vigo 13 siga con vida. Xa sei que hai moitos locais pechados en Pontevedra, pero cando falta unha librería é máis doloroso: hai unha voz menos".

Efectivamente, co peche de Seijas desaparecería un espazo clave na historia cultural recente da cidade, non só pola súa vinculación afectiva con varios escritores pontevedreses ou polas páxinas que Luz Gallego asinou durante anos en Diario de Pontevedra, senón porque a librería foi fundamental [en moitos casos xunto a Paz] no nacemento do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, no desenvolvemento do Culturgal, na celebración das feiras do libro da cidade, e porque Manuel Seijas foi durante máis dunha década presidente da Agrupación de Libreiros de Pontevedra, hoxe desaparecida. "Ata 2005. Fun o último presidente que tivo. Bótase moito en falta", confesa. "Fixemos moitas cousas xuntos. Pelexamos sen parar".

"É moi bonito ver como foron medrando os nosos clientes. Moitos veñen hoxe cos seus fillos"

A librería Seijas abriu en 1981 precisamente da man de Manuel Seijas. "Cando a montei estabamos especializados en material didáctico e libros técnicos para o alumnado do que era o Instituto Politécnico de Pontevedra, hoxe IES Frei Martín Sarmiento. Era un centro importante, de 1.800 estudantes", lembra. "Chegamos a entender de básculas de precisión, sistemas de soldadura, anatomía fisiolóxica...", indica entre risos.

ALMA. Durante sete anos, Seijas mantívose só á fronte da librería. Despois incorporouse a súa muller, tamén mestra, para axudarlle. "A alma da librería é ela", recoñece hoxe. Con Luz Gallego chegou a literatura infantil ao negocio. "Tiña un estante aí abaixo, que gobernaba eu", lembra. "Cando desapareceu a Formación Profesional (FP), todo cambiou. Ao implantarse os ciclos formativos tivemos que adaptar a librería porque a nosa especialidade xa non existía", comenta a libreira sobre os cambios que tivo que ir acometendo no negocio. "Aquela sección miña empezou a funcionar moi ben e decidimos tirar por aí. Non había ningunha librería especializada en literatura infantil en Pontevedra". O apoio dos mestres dos colexios e das escolas supuxo o empurrón final. E o apoio do público, "que nunca nos faltou", acabou de confirmar que aquel era o camiño. Seijas forma parte hoxe de Kirico, un proxecto da Confederación Española de Gremios de Libreros que agrupa a un cento de librerías especializados en literatura infantil e que funciona case como un selo de calidade. "É moi bonito ver como foron medrando os nosos clientes. Moitos veñen hoxe cos seus fillos".

"Un libreiro non pode limitarse a vender libros e xa está. Isto é algo máis"

Ao mesmo tempo que Seijas se abría camiño, un grupo de mestres montaban na cidade a editorial Kalandraka, algo que supuxo un punto de inflexión na literatura infantil galega. É un dato importante porque Seijas acabará especializándose en selos editoriais independentes. "Traballamos cos grandes grupos, pero a nosa prioridade sempre foi a editoral pequena e especializada, que por forza ten que facer bo produto".

A implicación con Pontevedra, da que agora se despiden, tamén foi medrando. "Nas primeiras edicións do Salón do Libro fixemos de todo, ata axudar a colocar a moqueta", lembran. "Pero é que un libreiro non pode limitarse a vender libros e xa está. Isto é algo máis. A todos eses eventos vas por iso, non porque se gañen cartos. Case nunca se gañan".

Despedida a unha librería de conto: adeus a Seijas despois de catro...
Comentarios
ç