Pontevedra pone luz a los años de la represión

Catro representantes de familias que padeceron a represión participaron nunha mesa redonda no Cita ►As mulleres falaron das feridas que deixou nas súas vidas a barbarie fascista
De esquerda a dereita, María Lores, Amalia Bóveda, Montse Fajardo, Margarita Caballero e Mena Rey
photo_camera De esquerda a dereita, María Lores, Amalia Bóveda, Montse Fajardo, Margarita Caballero e Mena Rey

Cando Fina Dios foi levarlle ao seu irmán Milucho a derradeira cea da súa vida ao cárcere non foi quen de conter os nervios. Aínda que disimulou diante del -a pesar das feridas, dos moratóns e do aspecto desmellorado de Milucho- non puido evitar propinarlle varias patadas a un garda sobrepasada pola situación. Ao día seguinte o seu irmán apareceu morto nunha cuneta. Contouno este martes Mena Rey, filla de Fina e sobriña de Milucho, no encontro de familiares de represaliados que se celebrou no Cita organizado por A Memoria das Mulleres.

María Lores, Amalia Bóveda e Margarita Caballero tamén estiveron presentes na mesa redonda que reuniu a familiares de vítimas do franquismo moderada pola xornalista Montse Fajardo. "Despois do 36, cando mataron ao meu avó, todo foi medo. Esa foi a represión indirecta". Fala María Lores, neta de Aurelio Torres e Isolina Villaverde. O primeiro -"sindicalista, ateo e anticlerical"- apareceu morto e torturado, cos xenitais na boca, nunha cuneta de Bora unha mañá de agosto de 1936; a segunda tivo que cargar cunha dor muda que non podía compartir e sacar adiante aos seus fillos. "Os mesmos veciños que esconderon ao meu avó delatárono", explicaba na cita do martes.

Margarita Caballero recorda o medo daqueles anos en primeira persoa. En 1936 tiña doce anos e os seus recordos daquela época son aínda vívidos. "Es lo que más recuerdo, el miedo, sobre todo por las noches, cuando escuchábamos algún coche pasar". Seu pai, Mauro Caballero, era socialista e pasou dous anos agochado na casa. Cando alguén chamaba á porta, metíase nun oco dunha alacena da cociña. Só foron un día a buscalo e, por sorte, non deron con el. Os irmáns de Margarita tamén padeceron a represión. Un deles estivo agochado e outro encarcerado. "Mi madre compraba en la carnicería de un falangista que a veces le comentaba que había ido a cazar conejos por la noche. Era un sádico porque sabía que ella tenía un hijo preso, pero mi madre no se atrevía a dejar de gastar allí por si tomaban represalias contra mi hermano", contaba Caballero.

Amalia Bóveda, filla póstuma de Alexandre Bóveda, recordou que na súa casa había unha botella de Jerez que seus pais tiñan reservada para abrila cando ela nacese. Nunca a abriron porque Bóveda foi asasinado na Caeira cando a súa muller, Amalia Álvarez, aínda non dera a luz. "Nin un bico me puido dar", lamentaba este martes Amalia. A filla máis nova de Bóveda falou tamén da dor dos seus irmáns, especialmente a maior, que non foi quen de esquecer o que aconteceu no 36 e aos 14 anos comezou a padecer crises nerviosas. "Eu son filla de Alexandre Bóveda, o que asasinaron na Caeira", adoitaba dicir cando as secuelas daquela barbarie comezaban a apoderarse dela.

A dor transmítese. É unha herdanza que levan no ADN os descendentes das persoas que padeceron o terror fascista. "Eu non podía entender como podía sufrir tanto por algo que lle acontecera á miña avoa, pero o certo é que recordar doe", explicaba María Lores. Ese legado de sufrimento foi o que lles quedou aos que sobreviviron a 40 anos de ditadura nos que o papel das mulleres que quedaron foi fundamental. Foi daquela cando se teceron os lazos de apoio entre as familias, como cando a familia Caballero acolleu como unha filla máis a Manolita Gómez Lodeiro, orfa de Manuel Gómez e Elvira Lodeiro, ambos os dous fusilados. Foron os anos nos que Amalia Álvarez (viúva de Alexandre Bóveda) e Cintia Rey (nai do asasinado Víctor Casas) teceron unha fonda amizade baseada na memoria dos que faltaban e na solidariedade mutua.

Pero foi tamén o tempo de agochar a cabeza e ficar sinaladas por un sistema no que a barbarie estaba institucionalizada. A Amalia Álvarez cuspíronlle na rúa, a nai de Mena Rey (Fina Dios) xa non puido ser mestra despois de que a raparan por roxa e mesmo a súa irmá tivo problemas para entrar na Comisión Nacional de Seguridad por "mala conducta" xa en 1968, aínda despois de ter aprobado as oposicións. Porque a represión non rematou coa guerra.

ACTIVIDADES. A actividade deste martes levouse a cabo dentro da programación de Novembro, mes da memoria histórica, que durante as últimas semanas ten celebrado conferencias, actos de recoñecemento ou proxeccións.

Ademais, o próximo mércores celebrarase un acto de homenaxe ás vítimas por terceiro ano consecutivo no Teatro Principal. Desta vez, as recoñecidas serán as familias represaliadas vencelladas co movemento obreiro.

Entre as próximas actividades, o Concello tamén ten previsto realizar encontros nas parroquias. Deste xeito, a exposición ‘Do gris ao violeta’ continúa a súa andaina polo municipio e ata o 2 de decembro poderá visitarse na Casa Verde de Salcedo. Esta mostra completarase cun encontro no que se falará sobre mulleres represaliadasda parroquia. A cita será o martes 29 de novembro ás 20.00 horas na Casa Verde de Salcedo.

Comentarios