Cinco científicas galegas protagonizarán o Día da Muller e da Nena na Ciencia en Pontevedra

A xornada, que terá lugar o próximo 11 de febreiro, incluirá dúas actividades

A astrofísica viguesa Begoña Vila será unha das personalidades máis importantes nesta xornada. EFE (ARCHIVO)
photo_camera A astrofísica viguesa Begoña Vila será unha das personalidades máis importantes nesta xornada. EFE (ARCHIVO)

A astrofísica especializada no estudo das galaxias espirais Begoña Vila, a catedrática de Microbioloxía pontevedresa Alicia Estévez, a Premio á Mellor Investigadora Moza de Europa 2015 Vanessa Valdiglesias, a decana da Facultade de Matemáticas da USC Elena Vázquez e a doutora en Químicas da UVigo Isabel Pastoriza serán as protagonistas do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia en Pontevedra, o vindeiro 11 de febreiro. O Concello, en colaboración co xornal dixital GCiencia organizan unha xornada que ten como fin concienciar á sociedade en xeral e á comunidade educativa en particular sobre o potencial das rapazas no ámbito científico e tecnolóxico.

"As mulleres non estamos todo o representadas que nos correspondería neste eido segundo a porcentaxe da poboación. Algo está pasando", reflexionou a concelleira de Educación e Igualdade, Carme Fouces na rolda de prensa na que se presentou a iniciativa, na mañá deste venres. Por iso "imos aproveitar esta efemérides para facer un acto interesante".

A xornada do 11 de febreiro incluirá dúas actividades. A primeira, pola mañá no Pazo da Cultura, consistirá nunha videoconferencia con Begoña Vila, desde a NASA, onde traballa como enxeñeira de sistemas no Centro de voo espacial Goddard. Aínda que en principio estaba dirixido a alumnado de Secundaria, o feito de que non sexa unha xornada lectiva en Pontevedra, fixo que tamén se convidara a escolares de Primaria e tamén doutros municipios da comarca.

Xa pola tarde (Casa das Campás, 20.00 horas), terá lugar unha mesa redonda coas outras catro científicas aberta ao público. Mila Alonso, xornalista de GCiencia, lembrou que a porcentaxe de mulleres vai decrecendo no panorama científico a medida que sube o escalafón. Así, aínda que no estudantado universitario son maioría, menos dun 25% chega a catedráticas e a participar en grupos de investigación.

Comentarios