miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Detectada unha mancha de gasóleo no Lérez á altura do Mercado de Abastos

Imaxe da vertedura no río Lérez, este mércores. CEDIDA
Imaxe da vertedura no río Lérez, este mércores. CEDIDA
O departamento do Ciclo da Auga tratou de coñecer a orixe da vertedura á rede de pluviais, sen obter resultados, pero apunta á limpeza dalgunha caldeira

Arredor das 11.40 da mañá deste mércores, foi localizada polos axentes da Policía Local unha vertedura de gasóleo á altura do Mercado de Abastos de Pontevedra que se expandiu polo río Lérez, entre a ponte de Santiago e a ponte da Barca. Os policías trasladáronse ao lugar xunto a técnicos da empresa concesionaria do servizo da auga, Viaqua, en resposta ao aviso dos veciños que alertaban un forte cheiro a gasóleo na zona. Tamén se informou ao servizo de control de verteduras de Augas de Galicia da Xunta. Ademais, o departamento do Ciclo da Auga, que dirixe Carme da Silva, fixo seguimento da vertedura durante toda a xornada deste mércores.

Os técnicos revisaron toda a rede de pluviais en busca da orixe do gasóleo. Seguiron o rastro ata o entorno da zona da Igrexa da Peregrina, onde se perdían as evidencias. Se ben non se puido coñecer a orixe da vertedura, os técnicos concluíron que se tratou de pouca cantidade. Tendo en conta experiencias anteriores, todo apunta a que a orixe pode estar na limpeza ou fuga dunha caldeira, de particulares ou de comunidades de veciños.

Intentouse minimizar a macha, pero resultou imposible polas condicións meteorolóxicas

A empresa concesionaria tamén revisou a rede de saneamento por se existiran verteduras nesta e tivese algunha influencia na EDAR, pero non atopou ningún rastro de gasóleo nesta rede.

Ademais de investigar a orixe da vertedura, Viaqua tratou de minimizala pero as fortes choivas fixeron que chegase rapidamente á ría, e se ben se desprazaron medios de limpeza, non foi posible realizar a limpeza. Na actualidade a mancha de gasóleo está á altura da ponte da Barca.

Detectada unha mancha de gasóleo no Lérez á altura do Mercado de...