Detido por unha agresión na rúa á súa exmoza, menor de idade

Catro mozas declararon que presenciaron a agresión cando saían do instituto da Xunqueira

A Policía Local de Pontevedra detivo na noite de luns un home acusado de agredir a súa exmoza nas inmediacións das dependencias policiais.

Atendendo ao atestado, os axentes acudiron ao lugar sobre as dez da noite, despois de que unha patrulla que estaba preto da Xunqueira fose alertada de que un home estaba pegando unha moza na beirarrúa fronte ao instituto. Os policías comproban que o presunto agresor estaba xunto a cinco mozas e profería berros a unha delas.

A vítima, menor de idade, explicou que o home fora a súa parella pero que romperan a relación había oito meses e que este luns iniciaran unha discusión ante a negativa dela de volver con el. Atendendo ao seu testemuño, el intentou abrazala e, ante o rexeitamento dela, zanrandeouna e agarrouna polo pescozo. A moza, que presentaba dor nun cóbado e un estado de gran nerviosismo, foi trasladada a un centro sanitario para ser asistida.

As catro mozas que se atopaban no lugar dos feitos declararon que presenciaron a agresión cando saían do instituto da Xunqueira.