Dez centros educativos de Pontevedra súmanse ao programa de reforzo Arco

Seis colexios e catro institutos apoiarán ao alumnado para a mellora do seu rendemento académico en 5º e 6º de Primaria e en 1º e 4º da ESO
Primeiro día de clase neste curso no CEIP Praza de Barcelos. DAVID FREIRE
photo_camera Primeiro día de clase neste curso no CEIP Praza de Barcelos. DAVID FREIRE

Un total de 68 centros de ensino da provincia de Pontevedra desenvolverán este curso o programa de accións de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de primaria e secundaria (Arco), segundo informou a Consellería de Educación. No conxunto de Galicia participarán na iniciativa un total de 141 centros, segundo a resolución definitiva publicada a semana pasada.

Dos 68, dez pertencen ao municipio de Pontevedra. Son seis colexios (os CEIP Marcos da Portela, Santo André de Xeve, Praza de Barcelos, Plurilingüe Froebel, Plurilingüe San Benito de Lérez e A Xunqueira I) e catro institutos (IES A Xunqueira I e II, Luís Seoane e Frei Martín Sarmiento).

O obxectivo é xerar un clima de aprendizaxe que favoreza o traballo en equipo, cooperativo e por proxectos

O Arco, que pode ser complementario cos contratos-programa, "ten como obxectivo implicar o grupo de clase nas actividades de reforzo, co fin de conseguir o máximo desenvolvemento emocional, intelectual e social do alumnado", explica nun comunicado.

Este programa, dirixido aos centros públicos, consta de tres liñas de actuación que desenvolverán axustes educativos dentro da aula ordinaria, "co obxecto de garantir a máxima inclusión favorecendo a participación no grupo-clase e a consecución do máximo desenvolvemento emocional, intelectual, social e profesional de todo o alumnado".

A liña 1 diríxese ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e nela encádranse os seis colexios mencionados. A liña 2 ao de 1º de ESO e a 3 aos estudantes de 4º de Secundaria. Así, A Xunqueira II e Frei Martín Sarmiento están adheridos a estas dúas liñas, mentres o Luís Seoane pertence á 2 e A Xunqueira I á 3.

OBXECTIVO. O obxectivo da iniciativa é apoiar o alumnado para a mellora do rendemento académico, co fin de impulsar o éxito escolar e previr o abandono educativo temperán do alumnado que cursa as ensinanzas obrigatorias.

Así mesmo, "xerarase un clima de aprendizaxe que favoreza o traballo en equipo, cooperativo e por proxectos e procurarase diminuír as barreiras de aprendizaxe que dificultan superar e acadar os obxectivos do nivel educativo". Todas as liñas desenvolveranse dentro do horario lectivo e mediante apoios a través do uso de metodoloxías activas e participativas, así como a aplicación de medidas organizativas ao alumnado obxecto da liña.

Para a selección dos centros participantes tivéronse en conta criterios como as porcentaxes de alumnado que promocionou con algunha área non superada, con necesidades específicas de apoio educativo e repetidor ou os centros que participaron no antigo programa de reforzo PMAR, entre outros. Así mesmo, segundo a resolución publicada pola Consellería, destinarase como máximo un docente externo a cada centro. No caso da liña 1 será a tempo completo e no das liñas 2 e 3 a media xornada. O profesorado, que agora está en fase de selección, pertencerá ao ámbito correspondente segundo as competencias.

Na provincia seleccionáronse, entre outros, os CEIP Amor Ruibal (Barro), A Laxe (Marín), Isidora Riestra (Poio) e A Florida (Sanxenxo), o IES de Soutomaior e o CPI Don Aurelio de Cuntis.

Comentarios