Dez colexios e 340 escolares participarán en Pontenciencia

A sexta edición do proxecto educativo iníciase con cursos de formación nos centros de ensino

Un taller na pasada edición da minifeira. DAVID FREIRE (ADP) - Pontenciencia
photo_camera Un taller na pasada edición da minifeira. DAVID FREIRE (ADP)

Dez centros educativos de Pontevedra e 340 estudantes e docentes participarán este ano na sexta edición de Pontenciencia, un proxecto educativo impulsado pola Concellaría de Educación e a Universidade de Vigo que levará aos escolares a desenvolver nos próximos meses unha serie de investigacións baixo a dirección dun comité científico integrado por profesorado universitario. Os resultados destes proxectos de investigación escolar serán defendidos polo alumnado na Minifeira da Ciencia, que se celebrará os días 31 de maio e 1 de xuño na Escola de Enxeñaría Forestal.

Segundo informou este mércores o Concello, Pontenciencia empeza estes días co inicio dos cursos de formación sobre o método científico que se desenvolven nos centros de ensino participantes. Os CEIP San Martiño de Salcedo e San Benito de Lérez e o CEE Pontevedra foron as primeiras paradas nesta serie de coloquios informativos a pasada semana. O mércores tocoulle ao CEIP Ponte Sampaio e continuarán este xoves e o venres no CEIP Froebel e no colexio Sagrado Corazón. Os CPR San José e o CPR Sagrado Corazón de Praceres e o CEIP Cabanas desenvolverán estas sesións ao longo do mes de febreiro.

Os escolares elaborarán, ata maio, unha serie de investigacións en distintos ámbitos, coas que optarán aos premios que se entregarán na feira.

CHARLAS PARA FAMILIAS. Ademais de centros educativos, Pontenciencia é tamén un evento aberto á participación das familias, que poden propoñer os seus propios experimentos e estudos. Para aqueles que queiran concorrer nesta segunda modalidade, desenvolveranse tamén unha serie de charlas informativas o sábado 2, o venres 8 e o mércores 20 de febreiro, no espazo Arroelo (rúa Michelena 11).

Patrocinada pola Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt), Pontenciencia permite aos escolares, aos mestres e ás familias coñecer o desenvolvemento do método científico a través de experimentos que desenvolven durante o curso escolar, explica a organización.

Farano cun proxecto que exporán diante dun comité integrado por profesorado universitario e investigadores na Minifeira da Ciencia. Neste evento, que cada ano acolle a EE Forestal, a defensa das investigacións verase complementada por proxeccións audiovisuais relacionadas e outra serie de actividades dirixidas ás crianzas participantes e relacionadas coa investigación e a ciencia.

Comentarios