Dez estudantes da provincia de Pontevedra acadan os Premios Extraordinarios de ESO

A metade dos galardóns totais en Galicia recaeron en estudantes pontevedreses
IES Sánchez Cantón. GSV
photo_camera Dous dos premios recaeron en estudantes do IES Sánchez Cantón. GSV

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de recoñecer a 20 estudantes cos Premios Extraordinarios de ESO ao Rendemento Académico correspondente ao curso 2018-19, tal e como publicou este mércores o DOG. Estes galardóns, instaurados con carácter anual, teñen como finalidade valorar o esforzo e dedicación do alumnado que cursou ESO no sistema educativo galego cun excelente aproveitamento académico.

Nesta edición, na provincia de Pontevedra recaeron dez premios: Ariadna Lorenzo Poncela e Lucía Cuíña Moreira do IES Sánchez Cantón; Celtia Castelo Gajino do CPR Plurilingüe Calasancio de Pontevedra; Emilia Alario Pastoriza do IES Gonzalo Torrente Ballester; Andrea Ferrer Muñiz do IES de Poio; Ibai Otero Gómez do IES Francisco Asorey (Cambados); Claudia Gómez Lomba do IES A Sangriña (A Guarda); Pedro Rodríguez Viñas do CPR Plurilingüe Mariano (Vigo); Xavier Graña Lobeira do IES Illa de Ons (Bueu) e Noa Comesaña González do IES de Beade.

En total outorgáronse 20 premios extraordinarios (oito na provincia da Coruña, dous en Ourense e dez en Pontevedra) para o alumnado que finalizou os seus estudos de ESO no curso 2018/19 en Galicia. Todos os premiados obtiveron unha media das cualificacións en todas as materias dos catro cursos de ESO igual ou superior a 9, e deles, o 45% obtivo unha nota media de entre 9,75 e 10; o 50% de entre 9,25 e 9,75; e o 5% restante de entre 9 e 9,25.

Cada premio está dotado cunha contía de 750 euros e supón a anotación da distinción no seu expediente académico, así como un diploma acreditativo. Ademais outórgalles a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de ESO.