Dezaoito empresas optan a reformar as rúas perimetrais do Gorgullón

Actuarase na rúa da Moa, travesía de Eduardo Pondal, Pedro Sarmiento de Gamboa, Curtidoira e a praza de Ponte Bolera
Xente paseando por Gorgullón. ADP
photo_camera Xente paseando por Gorgullón. ADP

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra recibiu 18 ofertas de construtoras para reformar as rúas perimetrais do Gorgullón.

Trátase dun proxecto valorado en 298.361,46 euros cun prazo de execución de catro meses, e que inclúe as rúas da Moa, Travesía de Eduardo Pondal, Curtidoira, Pedro Sarmiento de Gamboa e praza de Pontebolera.

O contrato está incluído dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) Máis modelo, Pontevedra e financiada con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Optan a el Sergonsa, Prace, Oresa, Opain, Narom, Marconsa, Elsamex, Edigroup, Vales, Manuel Pérez Portela, Covsa, BCNor, Desmaco, Caldevergazo, E.C.Casas, Construcciones Abilleira, Fechi e Acevi.

O proxecto de reforma integral do Gorgullón supuxo cambios na mobilidade deste barrio cinguíndoa a residentes e actividade comercial. Esta intervención leva agora a facer reformas para dotar a todo o barrio da mesma calidade, destinando máis espazos á mobilidade de peóns e a usos ligados á actividade comercial da travesía de Eduardo Pondal, a rúa da Moa, a rúa da Curtidoira, a rúa de Pedro Sarmiento de Gamboa e a praza de Pontebolera.

Ao respecto da travesía de Eduardo Pondal e rúa da Moa, crearase unha plataforma única con preferencia peonil, acorde co tratamento deseñado no Gorgullón. Suprímense as barreiras arquitectónicas e garántase a accesibilidade universal. Os materiais son similares aos empregados no Gorgullón. Ademais, na rúa da Moa renovarase a canalización de abastecemento de auga potable.

Na praza de Ponte Bolera elévanse os pasos de peóns e mellórase a conexión dos frontes dos edificios coa praza central onde están o parque infantil e as zonas verdes.

En Pedro Sarmiento de Gamboa elevarase a calzada para facer unha plataforma única de coexistencia de tráficos reforzada na conexión desta rúa co Gorgullón na contorna do centro social e da terceira idade onde existe a posibilidade de restrinxir o tráfico de acceso.

Tamén se actuará na rúa Curtidoira levantando a capa de rodadura e creando unha plataforma única, ao igual que Pedro Sarmiento de Gamboa, para crear unha zona de coexistencia e restrinxindo o tráfico a residentes e servizos.

En todo o proxecto se cambia a iluminación pública e o mobiliario urbano.

A intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible Feder 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo, Pontevedra, coa que o Concello acadou os fondos do plan Feder.

Comentarios