sábado. 14.12.2019 |
El tiempo
sábado. 14.12.2019
El tiempo

O Día da Galiza Mártir reivindicará as figuras de Bóveda e Amalia Álvarez

Raquel Rodríguez, Marga Caldas e Ernesto Vázquez. EMILIO MOLDES
Raquel Rodríguez, Marga Caldas e Ernesto Vázquez. EMILIO MOLDES
▶ Os actos buscan "lembrar e visibilizar" o papel das mulleres durante a represión

O vindeiro 17 de agosto terá novamente lugar a celebración do Día da Galiza Mártir no Monumento a Alexandre Bóveda, situado na Caeira. Unha celebración que, segundo a concelleira de Memoria Histórica de Poio, Marga Caldas, busca "reivindicar a memoria, e sobre todo reivindicar un ano máis a figura de Bóveda, tamén en representación de todos eses mártires galegos que perderon a súa vida e foron vítimas do réxime franquista".

O programa, presentado o martes pola concelleira e o secretario da Fundación Alexandre Bóveda, Ernesto Vázquez, contempla un acto institucional a partir das 13.00 horas, que contará coa participación da propia Fundación, da Fundación Castelao e da persoa obsequiada co premio Galiza Mártir. A intervención do alcalde da vila, Luciano Sobral, seguido da ofrenda floral e a interpretación do himno galego, pecharán a primeira parte da xornada, na que xa está confirmada a asistencia da Deputación e do Concello de Pontevedra. Durante o resto do día sucederanse o xantar popular, a entrega do premio, unha misa de aniversario na Capela de San Amaro e a ofrenda cívica no sartego de Bóveda. Pola súa parte, o BNG da Boa Vila celebrará un acto político na Praza Curros Enríquez.

PREMIO. Este ano, a persoa obsequiada co XIV Premio Día de Galiza Mártir será Telmo Comesaña, representante da Comisión de Memoria Histórica de Vigo. Vázquez xustificaba a súa escolla no feito de que "foi a persoa que levou a voz cantante, en todo o conflito da Cruz do Castro de Vigo. Que como sabemos é unha cruz franquista, que logo o Concello reconvertiu en monumento democrático nun pleno. Consideramos que Telmo, por todo isto e por todo o seu labor anterior, ten sobradamente recoñecida a experiencia e sobre todo é unha figura clave dentro do movemento memorialístico e das actividades de recuperación da memoria histórica".

A persoa obsequiada co XIV Premio Día de Galiza Mártir será Telmo Comesaña

A entrega, que acostumaba ter lugar durante o acto institucional, celebrarase por vez primeira no Parque Amalia Álvarez, posto que "xa que a sociedade se compromenteu, mediante a aprobación nese pleno da concesión do parque a Amalia como recolectora e transmisora da memoria oral de Alexandre Bóveda e de todos os galeguistas da súa época, consideramos que era un acto importante que a partir de agora se entreguen os premios do Día da Galiza Mártir neste parque. Porque é unha forma de recoñecer non só ao homenaxeado, que cada ano vai variando, como tamén é unha forma de recoñecer a figura de Amalia e do legado que ela transmitiu, tanto aos seus fillos como a toda a sociedade, con eses actos de dignidade que foron o desenvolvemento dunha vida medianamente normal con toda aquela situación derivada do fusilamento do seu marido", apuntaba Vázquez.

O Día da Galiza Mártir reivindicará as figuras de Bóveda e Amalia...
Comentarios