sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

O Día do Libro celébrase este xoves nas librarías buscando recuperar o tempo perdido

Bodegón de libros na librería Paz. RAFA FARIÑA
Bodegón de libros na librería Paz. RAFA FARIÑA
O habitual desconto do 10% en todos os libros é a forma de festexar unha data especial nun sector moi marcado pola presenza da Covid-19

Após tres meses de confinamento, o Día do Libro pode finalmente celebrarse e, como indica o cancelo escollido para a ocasión, #TodoComezaNunhaLibraría. Porén, e lonxe de grandes actos, esta data inusual, propia do tempo no que se enmarca, chega este xoves a estas sen facer demasiado ruído, xa que, máis aló do tradicional desconto do 10% en calquera dos libros que poboan as baldas dos establecementos, as librarías optaron por non celebrar ningunha actividade adicional: "Se fose un Día do Libro normal si que o teriamos apoiado coas actividades que podemos facer aquí. Pero tal e como están as cousas, ninguén se vai arriscar e ninguén vai querer ir a un acto no que vai estar sentado, por moita distancia de seguridade que haxa, porque as librerías temos un espazo máis limitado", explica Laura Carrasco, da Libraría Cao. Así, segundo Conchi Carnil, traballadora de Cronopios, o desconto será a única forma de "animar un pouco á xente a que veña comprar e para celebrar o Día do Libro, xa que non se puido facer antes".

Porén, e aínda que queiran amosarse optimistas respecto da xornada do xoves, non acaban de estar seguras do que poida pasar: "É unha data bastante complicada. Por unha parte, é coma se cambias o Día do Pai para tres meses despois. Pódese celebrar, pero non é o mesmo. Incluso para min que son libreira, porque a época de verán non se presta moito para celebrar estas cousas. Non sei ata que punto ao vir a Galicia o turista ten moi en mente o tema do Día do Libro ou máis a praia e a tapita de pulpo", di Carrasco. Amais, como tamén sinala Chyntia Menéndez, da Libraría Paz, "nin sequera todo o mundo ten o poder adquisitivo como para festexar o Día do Libro agora mesmo. Porque as consecuencias do coronavirus tamén son económicas. Entón, á parte de que a data pode estar un pouco fóra de plano de repente para moita xente, non todos van poder facer as compras que contaban con facer antes de todo isto".

CONFINAMENTO. A época de quedar na casa tamén puxo en xaque a varias destas librarías, que sufriron un descenso considerábel nas súas ventas. Algunhas, como a Libraría Paz, decidiron paralizar os envíos, "por respecto tamén aos que traballan tamén en reparto, por seguridade, e porque supoñemos e cremos ben que a xente que le sempre ten algo gardado".

Outras, como Cao, aseguran que a venda a través de plataformas foi o que as salvou durante o peche físico. Secasí, todas coinciden en que, desde a reapertura, a xente comezou a responder: "Nós tiñamos pedidos pendentes na web. Había moitas ganas de mercar libros e de apoiar ás librarías. Bueno, e ao comercio local. A xente quere mercar nas tendas que ten ao lado da casa. Esperemos que siga así", agarda Carnil.

A celebración do Día do Libro
De termos en conta a data orixinal da celebración, a escolla do 23 de abril como Día do Libro remóntase a 1926, ano no que a UNESCO seleccionaba a data do pasamento de Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega, finados todos os 23 de abril de 1616, como día para esta conmemoración global, que busca facer unha homenaxe ao libro e aos seus autores, fomentar a lectura, pero tamén defender e protexer a industria editorial e os dereitos de autor.

Porén, a idea orixinal partiu do escritor valenciano Vicente Clavel, quen a propuxo na cámara Oficial do Libro de Barcelona no ano 1923.

O Día do Libro celébrase este xoves nas librarías buscando...
Comentarios