A 'diana do amor' reparte 2.500 euros e un centenar de rosas entre os amantes do comercio local

Uns 500 establecementos participaron nsta iniciativa de dinamización por San Valentín
Diana do amor. DAVID FREIRE
photo_camera Diana do amor. DAVID FREIRE

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e a concelleira Yoya Blanco, probaron este martes sorte coas frechas de Cupido na diana do amor instalada na Praza da Peregrina no marco da campaña de San Valentín impulsada pola Concellería de Promoción Económica. Os clientes das tendas e negocios de proximidade adheridos tiveron ocasión, amosando tíckets de compras por importe igual ou superior a 15 euros, de poñer a proba a súa puntería e de facerse con atractivos agasallos: no caso de acertar no corazón central, un vale de 50 euros para trocar por produtos e servizos nos establecementos participantes, ou, ao dar nalgún dos outros corazóns, unha romántica rosa.

A campaña, organizada en colaboración coa firma Pontevedra Dixital, ofreceu un total de 50 vales de 50 euros (2.500 euros en premios) e un centenar de rosas.

Esta iniciativa de dinamización por San Valentín, á que se sumaron uns 500 establecementos, estivo destinada aos negocios de proximidade do concello de Pontevedra, incluíndose nesta edición como novidade ás perruquerías e centros de uñas e quedando excluídos supermercados, tendas de alimentación en xeral, grandes cadeas de tendas ou franquías, empresas de servizos en xeral e bazares.

Comentarios