Diana López: "Eu teño moitísima vergoña"

Escribirá unha columna no Diario todos os venres na que, sen dar de lado a súa óptica feminista, volve ás súas orixes blogueiras
Diana López Varela imitando á muller do 'We can do it!'
photo_camera Diana López Varela imitando á muller do 'We can do it!'

Autora do blog Suspenso en religión, Diana López Varela (Barro, 1986) ten colaborado en medios como Jot Down e elnacional.cat e tamén escribiu a peza teatral No es país para coños, aínda que fundamentalmente traballa no eido audiovisual, "que é o que de verdade me dá de comer". Entre outras cousas é coautora do guion da adaptación ao cine do cómic Memorias de un hombre en pijama, de Paco Roca, película seleccionada no Festival de Annecy. Ademais este ano publicará con Planeta o seu primeiro libro, un ensaio feminista. Na súa columna dos venres no Diario de Pontevedra promete, sen dar de lado a óptica feminista que lle deu sona, volver ás súas orixes blogueiras, historias de corte local e moito sentido do humor. "Porque en realidade eu son unha PTV frustrada. Non tiven festas do Casino, vivía da ponte para alá, non xogaba na Alameda nin en Barcelos, xogaba na Xunqueira. Iso márcate, queiras que non".

Diga a verdade, vostede era de relixión ou de ética?

De relixión, de relixión. Nunca fun a ética. Era de relixión porque era máis fácil. Dígoche máis: foi a materia na que máis copiei na miña vida. É que podías sacar o libro no medio do exame e copiar directamente! Por suposto, non aprendín nada. Deume clase un cura de Barrentes, que era un tipo moi entrañable e moi simpático e de relixioso creo que tiña máis ou menos o que podo ter eu.

Pero logo non suspendía?

Non, que va. Eu non suspendía nada porque era unha chapona.

Entón por que titula así o blog?

Pois porque a relixión católica e case todas as relixións monoteístas están intimamente ligadas ao patriarcado, ao machismo, e eu o que quería era cagarme nos poderes fácticos. Téñenme preguntado se era pola letra de Sabina [La del pirata cojo] e, aínda que non é exactamente por iso, tamén me gusta esa canción, si.

Nese blog, en 2013, escribe un artigo, Mi coño, que retuitea moita xente, entre outros Gaspar Llamazares, e convértese nun viral.

Si, foi algo completamente sorprendente. Non agardas que vaia pasar algo así. Eu tiña daquela unhas 50.000 visitas no blog, que abrira en 2012. En cinco días recibira 500.000 e en dúas semanas un millón. Iso directamente ao meu blog. É imposible saber canta xente leu o artigo copiado noutros espazos.

Marca, en todo caso, un antes e un despois na súa influencia como opinadora. Vostede é unha desas xornalistas que non ten traballo nun medio convencional, abre un blog e iso supón un punto de inflexión na súa carreira.

Cando abrín o blog xa non traballaba como xornalista. Estaba facendo albaráns na empresa de meu pai. Pero aquilo non me gustaba. Estaba farta, aburrida e cansa. Diso e dos medios de comunicación en xeral porque o traballo de xornalista ao que podía aspirar con 26 anos era precario. Tivera as miñas experiencias e, como soe dicirse, estaba queimada. Por iso abrín o blog, porque botaba de menos escribir. Fágoo dende nena, diarios e estas cousas. De feito, hai pouco miña nai atopou unhas libretas cunhas redaccións, nas que xa se deixaba ver a miña base literaria da Súper Pop e da Nueva Vale, con cartas de amor a Alejandro Sanz, a Leonardo DiCaprio, a historia dunhas vacacións... Dáballe a todo un empaque, un dramatismo, unha épica.

Súper Pop e Vale marcaron a toda unha xeración de nenas. A vostede tamén?

Por suposto. Eu son unha chica de los 90 total. Lembro que as escondía no medio dunha carpeta de clase e despois pasabámonolas entre nós como se estivesemos traficando. Sempre lembro aquelas seccións de Mi gran historia de amor e Mi primera vez. Era todo un pouco esquizofrénico e confuso porque, por un lado, falábanche dunhas historias de amor súper doces e tenras e por outro dunhas experiencias sexuais de súper zorras. Lías unha sección e lías a outra e non te aclarabas co que tiñas que facer para conservar ao teu gran amor.

Mi coño convértea nunha referencia feminista e a súa viralidade contribúe a esa presión social que leva a Ruiz Gallardón finalmente a dimitir.

Houbo unha gran presión social, si. Eu creo que o artigo contribuíu a un aspecto concreto do debate. Antes del hai poucas referencias á defensa da identidade feminina. Todo se limitaba, e en moitos casos se segue facendo, a mi bombo es mío, é dicir, ao punto de vista da muller embarazada. Pero aquela lei ía contra mulleres en xeral, contra as que non queren ter fillos, as que non poden telos ou as que teñen que abortar polas circunstancias que sexan. O artigo viraba o discurso cara algo máis radical, máis cañero, e non se ceñía á muller-mamá, que parecía que era a única que podía opinar.

Ata ese momento, no seu blog había moitos temas locais e moito humor. De súpeto, o feminismo e a sexualidade feminina son os eixes centrais.

Eu nunca me autodenominara feminista antes, nin abanderaba a causa, nin nada parecido. Para min o feminismo tiña cousas que me atraían e cousas que me repelían, por propia ignorancia. Non sabía o que era. Pensaba que para ser feminista tiñas que ir a moitas conferencias e simposios, aguantar a tías moi coñazo e non podías depilar as cellas. Cando despois do artigo me empezan a chamar feminista, como un afago, empezo a interesarme por el. Así acabei involucrándome.

Algo que caracteriza os seus artigos, tamén a súa obra de teatro, é tratar cousas que afectan ás mulleres e das que non se fala: por exemplo, a regla. En Mi regla, mis reglas escribía: "la regla, señores, sigue siendo un tema tabú".

Aínda tivo máis retuits e se compartiu máis outro que se titulaba Las bragas de la regla, cousas completamente alleas aos homes sobre as que non se escribe. O da regla foi un encargo directo de elnacional.cat porque se creara unha gran polémica cando a CUP falou de promover copas menstruais no canto de compresas e tampóns. Todos son temas que tradicionalmente non se tratan porque tradicionalmente os columnistas son homes.

Así que hai cousas das que non se fala aínda?

Eu, nos sitios nos que escribo, podo falar de todo o que quero. De feito, o que gusta é que fale deste tipo de cousas. E falar quitando dramatismo. Pódese facer humor practicamente de todo. A min, por exemplo, gústame moito o humor negro. Son moi fan de Ricky Gervais por exemplo. Pero en España aínda hai moito que camiño que percorrer neste sentido. Existe unha especie de sensibilidade con segundo que temas que eu non comparto. O humor, a retranca, é unha arma fantástica para falar de calquera cousa, dende as bragas da regla ata a depilación xenital e quedarte tan ancha.

A vostede que lle gusta máis: o sexo ou o humor?

O sexo con humor.

Púxenllo moi fácil.

Claro. Sobre o sexo tamén hai moito que desmitificar.

Existen aínda tabús?

Sí, eu creo que si que hai. Pero sobre todo hai que desmitificalo. Sempre acaba relacionándose ou co amor ou con algo oscuro e turbio, cando é simplemente algo cotián e como forma parte da cotidianidade ten momentos moi absurdos e moi ridículos.

Vostede ten vergoña?

Moitísima vergoña. Moitísima. Son moito máis pudorosa do que aparento. Non tímida, pudorosa. Pero escúdome na pantalla e na escrita.

Cre que o feminismo se está a poñer de moda? Que celebridades como Beyoncé digan que o apoian ou que son feministas frivoliza o discurso ou contribúe ao movemento?

Contribúe, contribúe. Todo suma. O que é sorprendente é que outras celebridades como Taylor Swift se declaren en contra do feminismo. Iso si que é prexudicial pola enorme influencia que teñen. Despois, falar da coherencia nos discursos, da exposición do corpo, da cousificación... é outro tema e ademais un tema complexo. Pero, de primeiras, que unha muller como Beyoncé se declare feminista e fale de feminismo é bo. E si que creo que o termo está de moda igual que no seu día o estivo o dos dereitos dos homosexuais e todo o mundo pasou a ter un amigo gay.

Hoxe todo o mundo ten unha amiga feminista?

Exacto. E está ben! Porque todo axuda a que a xente se achegue ao movemento e o coñeza. O preocupante é que moitísima xente siga rexeitando o termo. Cristina Pedroche aínda volveu co asunto o outro día, que se se tiña que chamar igualitarismo ou non sei qué... Non saben o que é!

Encéndese con isto, eh?

Moito, moito. É que estas cousas fan moito dano. Dáme moita rabia que alguén con esa proxección diga iso.

Cristina Pedroche non a chamou despois de adicarlle o artigo ¿Para eso estudiaste?

Non, non, non me chamou. Pero, despois daquel artigo, pecháronme o blog porque seica había usuarios denunciándome por contido pornográfico e tíveno que cambiar de plataforma. En fin...

Dígame unha cousa, a vostede non a fai sentir máis vulnerable expoñerse desa forma na que o fai no seu blog, falando por exemplo dos seus problemas de ansiedade?

Non, non me expoño tanto. Nunca falo dalgo íntimo de verdade. Falo de experiencias persoais que penso que poden axudar aos demais. Para min escribir é unha terapia. Se ademais podo botarlle unha man a alguén, fenomenal. A cantidade de xente que me escribiu despois de falar da ansiedade foi unha auténtica pasada. Compensa toda esa cantidade de pirados que te acosan por outro lado. Falando como falo de feminismo, hai xente que se dirixe a min como se me adicase á prostitución. Se non, non se entenden as mensaxes. A cantidade de bloqueos que levo enriba!

Comentarios