'Dibujantas' á espera do seu público no Museo de Pontevedra

A exposición do Museo ABC queda instalada agardando a que o Sexto Edificio reabra
2020031317203370153
photo_camera Aspecto das salas vacías. RAFA FARIÑA

Aberta só por hora e media. O que sucedeu este xoves coa exposición Dibujantas. Pioneras de la ilustración no Museo de Pontevedra foi inédito. A mostra abriuse ao público ás sete e media da tarde, tal e como estaba previsto, sen ningún tipo de acto inaugural, e pechouse ás nove da noite. Non haberá máis oportunidade de vela por agora. A Deputación anunciou que o Museo de Pontevedra permanecerá pechado, como o resto das institucións que dependen do ente provincial, seguindo as recomendacións sanitarias para evitar que aumenten os contaxios por coronavirus. A previsión é que a exposición estea no Museo ata o 17 de maio.

Preto de 130 obras de 40 ilustradoras que traballaron nas publicacións Blanco y Negro e ABC, dende 1891 ata 1990, conforman Dibujantas, unha mostra do Museo ABC de Madrid que chega agora a Pontevedra da man do Museo.

O título da exposición fai referencia ao I Salón de Dibujantas, que tivo lugar no Lyceum Club Femenino en 1931. Resultado dun importante traballo de investigación e documentación, a iniciativa rende homenaxe a preto de medio cento de ilustradoras, do total de 105 que traballaron en Blanco y Negro y ABC durante eses anos. O resultado é "unha crónica visual de cen anos da man de grandes artistas: desde a galega Maruja Mallo a Ángeles Torner Cervera (atc) pasando por Piti Bartolozzi, Marga Gil Roësset, Lucrecia Martínez Feduchi (Coti) ou Mar Ferrero", explica o Museo.

ROL DECISIVO. "A exposición, de feito, deixa patente o rol decisivo que as dúas publicacións tiveron na profesionalización da ilustración, así como a oportunidade que supuxo para cada unha das mulleres realizar un traballo digno, remunerado e recoñecido".

Segundo o Museo, as comisarias da mostra, Marta González Orbegozo e Josefina Alix, pretenden, por unha banda, "dar luz sobre a traxectoria e vida das artistas seleccionadas amosando as súas obras ao público e servindo como punto de partida para liñas de investigación futuras", e, por outra, "a través da mirada das ilustradoras, apreciar aspectos variados e interesantes da vida social e cultural das épocas sociais das que foron testemuñas".

A proposta está dividida en catro etapas que abranguen un século de ilustración española. A primeira, Abrieron el camino, mostra a obra das artistas dos albores do século XX. Despois van Las Modernas, que se centra nas autoras dos anos 20 e 30, que recibiron ese sobrenome. A terceira parte é La posguerra e a cuarta, Aires nuevos, que agrupa ás ilustradoras que, a partir dos 70, reflicten un momento de grandes cambios sociais e técnicos en España.