Diego Ameixeiras: "A felicidade non está para escribir sobre ela, senón para vivila"

Con máis de dez obras as súas costas, o escritor fai un repaso a súa forma de ver o proceso de escritura e a como cambiou desde os seus inicios ata a actualidade, cando recibe unha homenaxe á súa traxectoria profesional na Festa dos Libros de Pontevedra
O escritor Diego Ameixeiras durante unha edición da Festa dos Libros de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO/ARQUIVO DP
photo_camera O escritor Diego Ameixeiras durante unha edición da Festa dos Libros de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

Ser maior ou ser pequeno é algo que, moitas veces, depende da perspectiva. Para un deportista, quizais a idade de Diego Ameixeiras (Lausane, 1976) debúxase como improbable, case que imposible, para continuar a exercer a súa profesión. Sen embargo, no tocante aos escritores, aínda se pode falar del como un autor relativamente novo. A súa prolífica obra, non obstante, converteuno no homenaxeado deste ano á traxectoria destacada na Festa dos Libros de Pontevedra.

Como se sente tras este recoñecemento? Sendo vostede, ademais, un escritor con moitos anos por diante.
Faime moita ilusión. Pontevedra sempre é unha cidade á que me gusta volver e teño un sentimento de agradecemento. Si que é verdade que tende a pensarse que as homenaxes se fan a partir dunha certa idade, pero un xa vai tendo unha certa obra e enténdoo como unha maneira de recoñecer o traballo e como unha maneira que vou ter tamén de poder agradecerlles aos promotores e á xente
da Festa dos Libros de Pontevedra, que sempre me tratan moi ben. 

Paso do tempo 
"De novo tes unha certa soberbia, creste capaz de facelo todo. O tempo é para ti unha dimensión infinita"

Volvendo ao inicios da súa traxectoria, houbo na súa infancia algún detonante, algún click, que lle fixera querer contar historias ou foi máis ben un proceso orgánico e cando se deu de conta xa estaba a escribir?
Eu sempre tiven a vocación de escribir, xa desde moi neno. O que pasa é que aquela aínda non tiña as ferramentas, non sabía como se traballa unha historia. Co paso do tempo un vai acumulando lecturas, vai aprendendo as técnicas para escribir de autores que lle interesan. Escribín a miña primeira novela no ano 2004. Pero aínda que ese foi o momento oficial no que me convertín en escritor, ou algo parecido, si que desde neno tiven sempre esa maneira de mirar o mundo:
querer ser como unha especie de espectador que prefire contemplar a vida para despois pecharse na casa, entre catro paredes, e reflexionar dalgún xeito sobre ela a partir da escrita.

Ao longo do día recíbense un montón de impactos que poden derivar en ideas. Que necesita para que esas ideas cristalicen nunha posible novela?
Penso que un empeza a sabelo cando a idea o acompaña xa dunha forma un pouco obsesiva. Entón é como que escribir a historia empeza a ser xa case unha necesidade vital, ou unha necesidade case física. Ao longo dunha semana pásanseme pola cabeza moitas ideas que poderían ser potenciais inicios para unha novela, pero realmente a que serve, a que sabes que é o detonante dunha historia que queres contar, é a idea que se che crava un pouco adentro. Como unha especie de luz ou como un instinto que che leva despois a relatar unha serie de acontecementos.

Dicía Virxinia Woolf que se necesitaba unha habitación propia para escribir. Extrapolando esta idea a un concepto máis figurado, cal é o ambiente que necesita vostede para escribir as súas novelas? 
Supoño que non son moi diferente da maioría dos colegas escritores. Necesito fundamentalmente ter un espazo meu, onde poder ter a túa mesa de traballo e a posibilidade de concentrarse, de illarse do mundo. Pero máis que cun espazo, creo que ten que ver co tempo, con ter a oportunidade ou a sorte de dispoñer de moito tempo para escribir. Escribir non só é o acto físico de escribir, senón que se escribe moito pensando e sen aparentemente facer nada. E para min iso forma parte da escrita.

Entón, á parte dun espazo, o que se necesita é sobre todo tempo para reflexionar, para darlles voltas ás historias na cabeza. Se tes un espazo bo e axeitado moito mellor, pero o importante é iso: ter esa sorte ou ese luxo de poder dispoñer dunha tarde enteira, de días enteiros, nos que sabes que a historia que vas contando vai máis alá de darlle ás teclas no ordenador; poder reflexionar sen medo a perder o tempo dalgún xeito. 

Penso que as historias se escriben mellor dun xeito máis repousado

En todo este camiño que fixo como escritor e como persoa, entendo que gañou en perspectiva, en técnica, pero pérdese algo ao rematar esa xuventude da que inevitablemente se apoderan os anos que se van cumprindo? Pérdese algún tipo de mirada concreto?
Quizais algo de impulso, algo de espontaneidade. Pero a espontaneidade é un pouco perigosa porque con ese impulso non creo que se escriban grandes novelas. Penso que as historias se escriben mellor dun xeito máis repousado. Non me recoñezo demasiado nas primeiras cousas que escribín porque entendo que pasan os anos e un vai deixando atrás moitas etapas vitais. Quédome máis co que escribo no presente, non teño moita nostalxia do pasado.

Pero, se cadra, si que se perde algunha enerxía e pódelo botar en falta nalgún momento, como se bota en falta algo que xa non tes. De novo tes unha certa soberbia, creste capaz de facelo todo. O tempo é para ti unha dimensión infinita. Creo que un pouco esa é a diferenza: cos anos tendes a utilizar a enerxía dunha forma máis dirixida a unha dirección, e sendo máis novo non che importa malgastala nun impulso que despois, máis adiante, pode non levar a ningún sitio. O importante, quizais, sexa un equilibrio: manter cos anos tamén unha capacidade de enerxía, aínda que eu prefiro escribir a novela desde un punto de vista máis reflexivo que impulsivo.

É vostede un experto en escribir sobre perdedores. Pero existen os gañadores? É posible escribir sobre eles en ficción realista?
Si é posible escribir sobre a psicoloxía do gañador, o que pasa é que eu fixen da figura do perdedor, ou do marxinado, o meu universo literario. Os gañadores e a felicidade están ben para a vida real. Eu se estou contento, se estou moi satisfeito, é cando menos quero escribir. Apetéceme máis cando necesito tomar distancia dalgún problema. A felicidade non está para escribir sobre ela: está para vivila, para instalarse nela o maior tempo posible. Creo que esa é un pouco a diferenza.

Programación
Máis de 80 autores e 13 librerías
Diego Ameixeiras recibirá este venres (19.15 horas) unha homenaxe na primeira xornada da Festa dos Libros de Pontevedra, que se celebra ata o domingo na Praza da Ferrería. 

Este venres tamén está previsto que haxa un tributo a Domingo Villar (20.00 horas) e unha conversa (20.45 horas) arredor da menstruación na que participarán María Reimóndez (autora de Bárbaras!) e Laura Veiga  (pingando.gal). A tarde comezará (18.15) cun recital do Colectivo Maiakovski e pecharase (21.30) cun concerto de Protois. 

Pola mañá houbo un contacontos de Polo Correo do Vento dedicado a Delgado Gurriarán e unha conversa sobre literatura e memoria con Xosé Álvarez Castro, Afonso Eiré e Luís Rei Núñez.

Comentarios