Difusión Felina sospeita de envelenamentos a gatos no barrio de Monte Porreiro

A asociación denuncia tamén a pasividade en Poio tras o atropelo dun gato que levaba días cun cristal cravado
2020081112132033890
photo_camera Unha imaxe do gato ferido polo cristal. CEDIDA

Após a desaparición de varios gatos nas mesmas datas e a posterior descoberta dun deles morto, Difusión Felina ten a sospeita de que se podería estar a dar un caso de envelenamentos no barrio de Monte Porreiro. Malia non contar con probas de peso por mor de non ter feito ningunha autopsia, tal e como indica Estela Molero, a voceira da asociación, "é o máis probable, porque non desaparecen os gatos un tras outro así como así. E se entre eses que desaparecen atopas un morto, sen ningún golpe, e mesmo o veterinario di que ten toda a pinta de ser un envelenamento, pois sabes que algo pode estar a pasar".

Desde a asociación queren lembrar á cidadanía das multas existentes, xa que se trata dunha forma máis de maltrato animal. Por outra banda, Difusión Felina pide tamén unha maior concienciación, especialmente tras o caso do gato atopado en Poio cun cristal cravado no pescozo, que "levaba moito tempo. Sabemos que estaba no muro dunha casa, que a xente o vía e que ninguén axudou". Finalmente, o felino foi atropelado. No propio municipio tamén reivindican unha maior implicación do Concello, xa que son eles quen se ocupan dos felinos poienses, malia non dispor dos recursos e casa de acollida suficientes.

O método CES 
Tras as siglas CES atópase o método de "coller, esterilizar e soltar", o protocolo que actualmente contempla a Lei de Protección Animal, de aplicación en todos os concellos, para o control das colonias urbanas de gatos.

Na cidade de Pontevedra, é Difusión Felina quen se encarga de levar a cabo este procedemento, deixando gaiolas-trampa para recoller aos felinos, levándoos posteriormente a veterinarios onde ten lugar a operación, financiada polo goberno local. Finalmente, os gatos son devoltos ás rúas, salvo de tratarse de animais mansos, aos que se lle trata de buscar un fogar.

Comentarios