Digicraft, unha aposta polas tecnoloxías en cinco colexios de Pontevedra

No municipio están adheridos catro centros públicos, os CEIP San Martiño, Manuel Vidal Portela, Daría González e Ponte Sampaio e o concertado San José
IMG_2929
photo_camera Tres alumnos do colexio San Martiño traballan coas novas tecnoloxías. DP

"Este será o terceiro ano no que participamos e a nosa experiencia é moi boa", subliña a directora do CEIP San Martiño, Patricia Sampayo, sobre o proxecto Digicraft no teu cole, unha iniciativa da Consellería de Educación, xunto coa Fundación Vodafone España, para formar e reforzar as habilidades dixitais e as competencias asociadas. Está dirixida a alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria que traballe co programa E-Dixgal.

Este curso continúan no proxecto outros tres colexios públicos de Pontevedra (os CEIP de Ponte Sampaio, Manuel Vidal Portela e Daría González) e un concertado, o CPR San José. Entre todos os da provincia figuran tamén os CEIP da Laxe, de Ardán e Sequelo (Marín), o CPI Santa Lucía de Moraña, o CEIP de Lourido (Poio). Pásanse á modalidade PC –antes estaban na de tablet– os CPR Plurilingües La Encarnación e San Fermín (de Caldas de Reis) e o CEIP Espedregada de Poio.

A dixital, recorda a resolución da Consellería, é unha das oito competencias clave que o alumnado debe desenvolver e ter acadado ao finalizar o ensino obrigatorio para poder incorporarse á vida adulta de maneira satisfactoria e ser capaz de desenvolver unha aprendizaxe permanente ao longo da vida.

IMG_7225
Catro escolares traballando o curso pasado cos materiais do Digicraft. DP

Deste xeito, a incorporación de tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial e as habilidades relacionadas cos datos, así como o fomento da participación feminina neste ámbito, "melloran a flexibilidade, a creatividade e os resultados da aprendizaxe".

Así mesmo, tamén é imprescindible promover o "uso crítico, creativo e seguro" das TIC. Para alcanzar unha boa competencia dixital en educación, as TIC "non poden ser introducidas como un fin en si mesmo, senón como u medio a través do cal se produza un cambio na metodoloxía no proceso de ensinanza-aprendizaxe".

FUNDACIÓN VODAFONE. Co obxectivo de potenciar o desenvolvemento da competencia dixital no alumnado, a Fundación Vodafone España deseñou o programa de formación e reforzo das habilidades dixitais e das competencias asociadas. O programa empezou no curso 2019-20 e dous anos despois xa acollía a 172 centros de toda Galicia.

A metodoloxía inclúe o xogo como elemento motivador, a experiencia para descubrir creando, a combinación dos mundos físico e virtual ou o traballo en equipo

O proxecto emprega unha metodoloxía de traballo diferencial, deseñada pola Universidad de Salamanca e a citada Fundación baseada en catro piares fundamentais: o xogo como elemento motivador para achegar o alumnado; a experimentación para descubrir creando, xerando ambientes de aprendizaxe seguros nos que equivocarse forma parte do proceso; a combinación do mundo virtual e do mundo físico, propoñendo actividades que xuntan o desenvolvemento da motricidade, o traballo en equipo e o uso da tecnoloxía como ferramentas de aprendizaxe e, finalmente, a adaptación das competencias dixitais a cada idade.

En Digicraft trabállanse todas as definidas no Marco dixital para a cidadanía definido pola Comisión Europea, detalla a resolución da Consellería de Educación.

IMG_6577
O traballo en equipo é fundamental para aprender. DP
Dos "perigos" da Rede á intelixencia artificial
A directora do CEIP San Martiño explica que o proceso empeza coa formación do equipo docente, que neste centro son catro mestras. "Temos distintos itinerarios: intelixencia artificial e videoxogos, tecnoloxías de audio, domótica e automatización e este curso incorporaremos a programación".

Para cada un deles reciben o material correspondente. O Digicraft está dirixido ao alumnado que forma parte do programa E-Dixgal (utilizan pequenos ordenadores persoais no canto de libros de texto) e desenvólvese en horario lectivo: en 5º teñen unha clase semanal de Robótica na hora de Ciencias Naturais e en 6º teñen Robótica educativa na hora de libre configuración. En total son 47 escolares neste centro.

Sampayo destaca que no seu colexio levan varios cursos moi implicados con estas novas tecnoloxías e que o alumnado remata Primaria "con bastantes coñecementos" neste eido. As temáticas son variadas, desde "os perigos" da Rede a distintos tipos de robots ou a intelixencia artificial. Tamén aprenden "a relacionarse en Internet de forma correcta, a escribir ben". Entre o material que reciben figuran desde kits de electrónica a tabletas gráficas cos seus correspondentes lápis. "Préstannos estas tabletas, que son recursos que non poderiamos comprar", subliña. Reitera que este proxecto é moi positivo e "motivador".

Comentarios