As dilacións indebidas baixan a 9 meses a condena de cárcere para o Mulo e o Pimpo por branqueo

A petición inicial ascendía a un total de 51 anos de cárcere para as once persoas imputadas
Rafael Bugallo, 'O Mulo', este martes no banquillo da Audiencia de Pontevedra. EFE/ Salvador Sas
photo_camera Rafael Bugallo, 'O Mulo', este martes no banquillo da Audiencia de Pontevedra. EFE/ Salvador Sas

A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou a 9 meses de prisión a Rafael Bugallo Piñeiro, O Mulo, e á súa exsocio e excuñado Enrique Martínez Santiago, alias O Pimpo, polos delitos continuados de branqueo de capitais derivados do tráfico de drogas. 

O xuízo resolveuse este martes mediante un acordo de conformidade entre as partes. A Fiscalía tivo en conta a atenuante moi cualificada de dilacións indebidas xa que este caso iniciouse cunha investigación no ano 1998. 

Esta circunstancia rebaixou considerablemente a petición inicial de penas que sumaba un total de 51 anos de cárcere para as 11 persoasn imputadas, ademais dunha petición de multa total que ascendía a preto de 17 millóns de euros. 

En virtude do acordo alcanzado este martes o cambadés O Mulo e o vilanovés O Pimpo son os únicos condenados a penas de prisión, concretamente a 9 meses para cada un, ademais de senllas multas de 41.961 e de 12.877 euros, respectivamente. 

Tamén son condenadas pola súa participación como beneficiarias a título lucrativo a exmuller Mari Neves e dous fillos de Rafael Bugallo, O Mulo, así como a exmuller María Dores e dous fillos de Enrique Martínez, O Pimpo. Todos eles recoñeceron os feitos polos que lles acusa o Ministerio público, isto é que "de común acordo e coa intención de investir o diñeiro obtido polas súas actividades relacionadas co narcotráfico e aproveitar o diñeiro obtido co mesmo procederon a realizar diversos gastos e investimentos". 

Pola contra, o tribunal absolveu outro tres acodes imputadas nesta causa despois de que o fiscal retirase os cargos contra eles. O acordo tamén inclúe o comiso definitivo de moitas das súas propiedades, entre as que aparecen chalés, pisos, áticos, locais comerciais e casas rurais ou parcelas edificables, a maioría situados na comarca de Arousa-Salnés. 

O tribunal decidirá na sentenza sobre a suspensión desta condena, unha petición dos avogados das defensas á que non se opón a Fiscalía. O fallo é firme e contra el non cabe recurso. 

Comentarios