Un dinosauro anda solto por Pontevedra

A cidade é a grande protagonista no divertido videoclip da canción 'I don"t give a fuck', que o grupo Faul lanzou este venres a través de YouTube

I don"t give a fuck, algo así como "Impórtame un carallo", é o título do novo single de Faul, o grupo "punkarra e feminista" que compoñen Laura García (batería), Violeta Mosquera (baixo e voz) e Corinna Rautenberg (guitarra e voz). Desta volta, porque os seus temas adoitan estar en alemán, cantan en inglés unha historia que, na súa versión audiovisual, está protagonizada por un dinosauro moi traste que pon Pontevedra patas para arriba.

O resultado desta divertida gravación pode comprobarse desde este venres en Youtube e nas redes sociais do grupo.

No vídeo case non se ve ás tres integrantes do grupo, porque o verdadeiro protagonista é o dinosauro, a quen dá vida o músico Gonzalo Maceira (profesor en Estudo Bonobo ao igual que Laura, Violeta e Corinna). "É un dinosauro un pouco pillo", explica Laura. "O disfrace regalarámosllo a Violeta polo aniversario e había que sacarlle partido. Non tiñamos moitos fondos para facer algo máis caro", chancea sobre como se lles ocurriu a idea para esta peza.

Así que entre os catro e coa colaboración doutros amigos que aparecen nela, lanzáronse ás rúas da cidade coa evidente sorpresa para a xente, que non esperaba que viñera un dinosaurio roubarlle o patinete no parque ou sustraerlle o bolso para escapar correndo por César Boente abaixo.

Porque se hai alguén máis protagonista que o propio pillabán dentudo é a cidade. Desde a praza da Verdura á fonte dos nenos, pasando polo Campiño de Santa María, a praza do Teucro, o parque infantil de Barcelos ou a tirolina de Campolongo, o dinosauro percorre a urbe ao trepidante ritmo da canción.

Despois de ver como se ergue da cama, lava a louza e se asea, sae á rúa e, polo camiño, ademais de deixar coa boca aberta a quen non estaba metido no allo, non deixa de facer das súas. "Vai correndo por aí e fai bastantes perrerías", señala Laura.

Abofé que si. É capaz de desbaratar desde un selfie na Peregrina a unha declaración amorosa con ramo de rosas incluido, interactúa coas estatuas de Valle Inclán e os músicos da praza de San Xosé e interactúa tamén, pero doutro xeito, nunha sorte de reunión festiva, como se o ocio nocturno non estivera vetado para el, antes de volver á casa e meterse na cama.

As reaccións foron do máis variopintas. "A xente parábao, pedíanlle fotos, ríanse moito... O nenos subíanselle enriba, tirábanlle do rabo...". Tal foi a impresión no momento da rodaxe, que "tivemos que explicar que non se tiña nada que ver co Concello", aínda que como promoción turística non ten prezo.

Comentarios