Pontevedra propón converter Dirección e Xestión Pública na sexta facultade do campus

A Xunta de Facultade informou da proposta da comisión do grao e do Máster en Liderado Institucional de crear unha facultade propia aproveitando a futura modalidade virtual
Xunta da Facultade celebrada en Ciencias Sociais. DUVI
photo_camera Xunta da Facultade celebrada en Ciencias Sociais. DUVI

A Xunta de Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación informou este luns da solicitude de creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, proposta tanto pola comisión académica deste grao como pola do Mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional.

Segundo recolle o escrito presentado pola coordinadora do grao, Soraya Rodríguez, e o responsable do mestrado, Xosé Mahou, para aproveitar a "ventá de oportunidade" que suporá a implantación da modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública (DXP), "cómpre a creación dunha estrutura organizativa que permita ordenar de forma autónoma as ensinanzas e os procesos académicos e administrativos e de xestión" vinculados a estes dous títulos. A solicitude fora aprobada por unanimidade polas comisións académicas do grao e do mestrado o pasado 30 de xaneiro e, tras pasar onte pola Xunta de Facultade, onde recibiu 20 votos favorables e 18 abstencións, será remitida aos órganos de Goberno da institución académica. A partir de aí, o procedemento deberá ser informado polo Claustro da Universidade de Vigo e ser aprobado, así mesmo, polo Consello de Goberno da UVigo. Tamén deberá contar co informe do Consello Social e da Conferencia Xeral de Política Universitaria para a súa remisión á Xunta de Galicia, de quen dependería a súa aprobación definitiva.

DXP naceu en 1999 como diplomatura e actualmente conta cuns 45 estudantes por curso

MAIOR AUTONOMÍA. A solicitude presentada en Xunta de Facultade destaca que o grao en Dirección e Xestión Pública, "único no sistema universitario galego e español", contará a partir do vindeiro curso cunha modalidade presencial e outra totalmente virtual, que irá progresivamente substituíndo á actual modalidade semipresencial. Trataríase, como sinala a petición, do primeiro grao no Sistema Universitario Galego en contar cunha modalidade virtual, e que se suma a un mestrado tamén virtual, en Dirección Pública e Liderado Institucional, que tamén se propón que pase a depender desa Facultade de Dirección e Xestión Pública.

De aí que as comisións incidisen na súa solicitude "na necesidade de dotar estes títulos de marcos de liderado e xestión públicas propios", coincidindo coa implantación dun novo plano de estudos en Dirección e Xestión Pública.

Nese senso, segundo informou o Duvi, Mahou e Rodríguez explicaron na Xunta de Facultade que a proposta ten como obxectivo acadar "unha maior autonomía na ordenación académica e en todo o que supón, como captación de alumnado".

Do mesmo xeito, trasladaron a súa vontade de que esa facultade puidese establecerse no propio edificio de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde xa se imparten ambas titulacións, "e establecer órganos de cooperación e colaboración" entre este centro e o que propoñen crear.

VISIBILIDADE. "Todo ten pros e contras e hai que respectar a autonomía de cada título", sinalou o decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde. "Se as comisións de grao e mestrado, que representan a docentes, alumnado e PAS, entenden que pode ser positivo para a evolución destes títulos é unha opción, parécenos ben". Así mesmo, lembrou que a Xunta de Facultade xa dera o visto bo ao plan de internacionalización de Dirección e Xestión Pública porque "tratamos de buscar o mellor para cada título".

Tamén destacou que esta solicitude vén apoiada pola próxima implantación da modalidade virtual, o que fai que DXP precise máis "visibilidade" cunha estrutura decanal propia.

Comentarios