"As distancias non se miden xa en días ou semanas, senón en poucas horas"

Antonio Rodríguez Miranda, Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia ► Destaca que, aínda que a emigración segue vixente actualmente, o saldo migratorio é positivo e Pontevedra gañou 5.444 habitantes en 2019
Antonio Rodríguez Miranda. ARCHIVO
photo_camera Antonio Rodríguez Miranda. ARQUIVO

O éxodo do século XXI nada ten que ver co de mediados do XIX, cando milleiros de galegos fixeron as Américas. Por que se caracteriza a emigración de hoxe en día?

Trátase de dous tipos de movementos migratorios moi diferentes. Dende o punto de vista cuantitativo, a emigración do século pasado deixou grandes ondas de galegos marchando cara o estranxeiro, principalmente a América; mentres que no século XXI o número de galegos nacidos en Galicia que residen no exterior descende ano tras ano. Só na última década, por exemplo, hai 13.000 emigrantes galegos menos vivindo no estranxeiro. Mesmo o tipo de emigración é moi diferente. A do século pasado, entendida no contexto dunha época moi convulsa e marcada polas diferentes guerras, tiña un destino máis afastado e permanente: a xente que emigraba cara América facíao coa idea de volver, aínda que sendo conscientes de que dificilmente o poderían facer. Establecíanse no seu país de destino e formaban unha familia a milleiros de quilómetros de distancia. A mobilidade actual, fundamentalmente en Europa, enmárcase nunha sociedade global na que as distancias non se miden xa en días ou semanas, senón nunhas poucas horas, e na que as novas tecnoloxías permiten unha conexión directa coa familia e amigos de forma habitual. Nos tempos actuais, a gran maioría das persoas que marchan ao exterior fano con varios obxectivos como a busca de novas oportunidades laborais ou a propia adquisición de experiencia laboral, así coma coñecementos e outros valores que lles sirvan de utilidade cando chegue o momento de plantexarse o regreso a Galicia.

Pese a que a tendencia é de retorno de emigrantes, o certo é que a provincia de Pontevedra aumentou a cifra de emigración externa anual desde 2002 ata agora.

O concepto de emigración, tal como comentabamos hai un momento, mudou nas últimas décadas. Proba diso é que, malia que os pontevedreses seguen saíndo ao exterior e a outras comunidades autónomas (cousa que non é de estrañar no mundo globalizado no que vivimos), o saldo migratorio, é dicir, a diferenza entre os galegos que saen e os que chegan, segue a ser positiva. Galicia bateu este ano o récord da serie histórica cun saldo migratorio positivo de 17.474 persoas, e Pontevedra non é unha Antonio Rodríguez Miranda. dp excepción. A provincia gañou 5.444 habitantes grazas aos movementos migratorios en 2019 fronte aos 3.613 que gañou no ano 2002, pero coa diferenza de que hai 18 anos chegaban a Pontevedra 194 galegos máis dos que saían, e hoxe son 837. É dicir, que a provincia segue a funcionar como un polo de atracción tanto de emigrantes que retornan como de estranxeiros que vén na comunidade o lugar axeitado para establecerse persoal e laboralmente. Así, se en 2019 saíron 6.124 persoas para outras CCAA, entraron dende estas 6.139 e, o que é máis significativo, saíron 3.621 cara o estranxeiro, pero entraron 8.780 persoas. Polo tanto, o saldo migratoria é positivo, sendo as entradas máis do dobre que as saídas. Estes datos veñen a confirmar que no ano 2019 temos os mellores datos de saldos migratorios tanto en Galicia como na provincia de Pontevedra dos últimos 10 anos e que estes movementos son fundamentais para superar o reto demográfico ao que se enfronta, non só Galicia, senón a meirande parte das comunidades autónomas.

A partir do ano 2017 os datos xa van decrecendo, e de 11.688 persoas contabilizadas en 2017 a cifra anual diminuíu a 9.745. Será esta a tendencia?

Si, como diciamos ao inicio, a tendencia actual é unha diminución progresiva das saídas e un incremento das chegadas de persoas a Galicia desde o estranxeiro, o que arroxa saldos migratorios positivos con incrementos interanuais moi significativos. Na provincia de Pontevedra, por exemplo, o saldo migratorio medrou un 70% entre 2018 e 2019. Sen dúbida, a pandemia da COVID-19 veu cambiar a situación, pasando dun panorama de forte crecemento do emprego e da economía galega, incluso por enriba da media de España, a unha situación de incerteza na que debemos ser prudentes á hora de sinalar as tendencias que marcarán os próximos anos. Dende a Xunta de Galicia seguiremos apoiando de forma decidida a todas e todos as galegas e galegos que residen fóra das nosas fronteiras, pero tamén a aqueles que queiran regresar á súa terra. O retorno é un acto de xustiza para milleiros de galegos, pero tamén se trata dun factor clave para superar este gran desafío demográfico ao que se enfronta toda a vella Europa, así como o económico, derivado da actual situación de pandemia.

Comentarios