Diversidade cultural e cidadanía global para lograr ser faro da Unesco

Escolas galegas e portuguesas participan nun encontro en Pontevedra no que escolares de cinco centros educativos resultaron protagonistas
Corbacho, Pinal, Fouces, Márquez e Claudino durante a inauguración.
photo_camera Corbacho, Pinal, Fouces, Márquez e Claudino durante a inauguración.

Profesorado e alumnado de varios centros educativos da comarca participaron no III Encontro Atlántico da Rede de Escolas Asociadas da Unesco, que en Pontevedra inclúe a oito centros, 13 na provincia, celebrado no Pazo da Cultura. "Isto é unha reunión de mestres, pero a folla de ruta da Unesco establece que os escolares teñen que estar para ser escoitados", precisou Luísa Márquez, coordinadora da rede PEA-Unesco en Galicia.

Docentes de Galicia, Portugal e Cabo Verde veñen traballando desde 2015 no Proxecto Atlántico, unha iniciativa que busca xerar unha comunidade educativa a ambas beiras do océano que traballe conxuntamente nos eixos da sustentabilidade, a diversidade cultural e a idea dunha cidadanía global. O seu obxectivo final é que esta iniciativa opte a converterse nun dos Proxectos Faro da organización das Nacións Unidas, aqueles que a Unesco propón á comunidade educativa a nivel global. Para avanzar na definición de propostas e actividades, profesorado de diferentes centros galegos e lusos adheridos a unha rede da que forma parte a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte participou neste encontro.

"Queremos xerar unha gran comunidade educativa de investigación e de intercambio", subliñou Luísa Márquez

O acto inaugural contou coa presenza do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; a concelleira de Educación, Carmen Fouces, e o director xeral de Centros da Consellería de Educación, José Manuel Pinal, así como das coordinadoras da rede PEA-Unesco en Galicia, Luísa Márquez, e do Proxecto Atlántico, Fátima Claudino.

Como un exemplo de "transferencia social, que a curto ou medio prazo vai incidir na calidade de vida de todos os que estamos aquí", definiu Corbacho unha iniciativa que responde, así mesmo, a un dos piares do proxecto de especialización CREA S2i, a "innovación social e sustentable", nun acto no que tamén lembrou que a de Ciencias da Educación e do Deporte "é a única facultade de España nesta rede".

Nese mesmo senso, Márquez puxo o acento en que o propósito central desta iniciativa é "xerar unha gran comunidade educativa de investigación e de intercambio" que, baixo un mesmo marco teórico, reúna a profesorado das dúas beiras do Atlántico co propósito de desenvolver iniciativas dirixidas á "transformación das escolas, con cambios metodolóxicos que nos poñan no camiño do horizonte 2030".

"Queremos que o alumnado e o profesorado traballen os mesmos obxectivos sobre o valor das comunidades, do patrimonio inmaterial, cultural ou acuático, seguindo sempre a estratexia da Unesco de educar para unha cidadanía global", engade Fátima Claudino, coordinadora dun proxecto no que está prevista a incorporación de escolas de Uruguai, Cuba e Arxentina e que presentará a súa candidatura a converterse en Proxecto Faro en 2018.

A provincia conta con 13 centros da Rede de Escolas Asociadas á Unesco, oito deles no municipio de Pontevedra

EXPOSICIÓNS. Trala exposición dos traballos realizados polos centros educativos, os tres grupos de traballo desenvolveron un debate dirixido a afondar en cada un dos eixos deste proxecto e definir "actividades que os participantes no proxecto poidan desenvolver conxuntamente e actividades que cada centro poida modelar para os distintos niveis educativos".

O coordinador da Comisión PEA-Unesco de CC da Educación e do Deporte, Miguel Cuevas, dinamizou a mesa de traballo sobre cidadanía global. Carmen Fouces dirixiu a mesa que reúne os docentes que traballan contidos vinculados á sustentabilidade, mentres que á fronte do grupo sobre diversidade cultural sitúase por primeira vez Laura Redondo. Un dos propósitos deste equipo foi abordar un "achegamento ao intercambio cultural" baseado no coñecemento e no respecto á cultura propia e ás alleas.