A diversión vive en Mundonadal

O Recinto Feiral acolle durante as vacacións unha nova edición de Mundonadal, que se inaugurou onte ao público con tobogáns xigantes, pista de xeo, zona game e área de skate
usuarios da pista de xeo na tarde deste venres. GONZALO GARCÍA
photo_camera usuarios da pista de xeo na tarde deste venres. GONZALO GARCÍA

O dobre de espazo que o ano pasado, tobogáns xigantes, zonas de xogo libre, inchables, área de skate, consolas e, por suposto, a pista de patinaxe sobre xeo. O espazo de lecer para as familias Mundonadal abriu este venres as súas portas ao público despois dunha semana de visitas escolares. Deste xeito, o Recinto Feiral acollerá durante estas vacacións unha morea de actividades nas que o xogo e a diversión serán os protagonistas.

As concelleiras pontevedresas Yoya Blanco e Paloma Castro asistiron este venres á inauguración das instalacións, xunto aos populares Guille Juncal e Rafa Domínguez. Así, na apertura da feira estivo tamén o conselleiro delegado de Diario de Pontevedra, Antonio de Cora, e o director deste periódico, Miguel Ángel Rodríguez. O presidente de AJE, Jesús Rey, e representantes da Fanpa de Pontevedra estiveron tamén presentes no acto.

Todo o espazo está pensado para os máis pequenos da casa, que poderán dedicar horas e horas ao xogo. Non importa se fóra chove ou fai frío, xa que todas as actividades se realizan a cuberto. Entre as principais novidades que incorpora Mundonadal nesta edición, está a instalación dunha sala de lactancia, que se propuxera por parte das familias o ano pasado. Ademais, o espazo adicado ao xogo duplicouse con respecto á anterior edición e os nenos e nenas de entre cero e tres anos contan cun espazo propio de xogo cunha piscina de bolas, separado dos rapaces máis maiores, que lles permite gozar con seguridade.

As autoridades asistentes á inuguración de Mundonadal. GONZALO GARCÍAA atracción estrela de Mundonadal é a súa pista de xeo, que require o uso de luvas para deslizarse pola superficie de 30 metros de longo e 18 de ancho. No propio recinto hai luvas á venda por un euro. Ademais, a entrada á pista inclúe o aluguer de patíns entre as tallas 25 e 47. O pase é por un tempo de 45 minutos sobre a pista.

Pero o espazo ofrece moitas máis posibilidades de lecer e diversión aos máis pequenos. Unha novidade é o tobogán xigante polo que os pequenos poderán deslizarse sobre un flotador con forma de donut e que xa foi todo un éxito durante as visitas dos escolares ao recinto. Outra das atraccións que chama a atención dos máis pequenos é unha especie de xincana inchable na que os nenos e nenas poden participar. Ademais, Mundonadal conta cun espazo de 30 metros cadrados para realizar skate no que, ademais da práctica libre, os pequenos poderán recibir clases de monitores profesionais e mesmo aprender algo máis sobre esta disciplina.

A pista de xeo ten unha superficie de 30 por 18 metros, os patíns alúganse alí mesmo e o tempo de uso é de 45 minutos

Os que prefiran escalar ás alturas poderán facer uso do rocódromo instalado no recinto e os amantes dos videoxogos terán un espazo tamén para eles. Unha sala de gamming con tres Nintendo Wii e unha Play Station no que a rapazada poderá xogar a Mario Kart, Mario Bross e Mario e Sonic nos Xogos Olímpicos. Ademais, o espazo contará cun escenario con karaoke incluido.

Unha das principais ilusións dos máis pequenos nestas datas é a chegada de Papa Noel, o Apalpador ou os Reis Magos. Precisamente por iso, Mundonadal conta cunha caixa de correo con conexión directa co Polo Norte, O Courel e Oriente, para que as misivas que os máis pequenos adiquen a estes personaxes propios do Nadal cheguen canto antes ao seu destino.

Por suposto, o propio Papa Noel visitará Mundonadal. Farao mañá, domingo, e o luns durante a tarde. Por outra parte, tamén mañá estará no Recinto Feiral Elsa, a protagonista da película Frozen, que interactuará cos pequenos e asinará autógrafos.

Tino Lores, presidente de Amigos do Camiño Portugués, proba unha das atraccións. GONZALO GARCÍATamén hoxe haberá actividades, cun espectáculo a cargo de Magia en la Manga, que volverá o sábado 28 e o luns 30 de decembro. Entre os obradoiros previstos para estes días, poderase xogar ao bingo (con agasallos incluídos), escoitar contos e mesmo mergullarse na realidade virtual a través dun obradoiro realizado por Inmersia os días 3 e 4 de xaneiro.

O evento está organizado por Diario de Pontevedra e conta co patrocinio de Supermercados Froiz e BMW Celtamotor. Ademais, a concellería de Promoción Económica e Turismo ofrece o seu respaldo á iniciativa. A entrada ao recinto custa un euro, ao espazo de xogos, tres euros e á pista de xeito, seis euros. Poden adquirirse no propio recinto.

Horarios: dende as 16.15 ata o 7 de xaneiro
O Recinto Feiral de Pontevedra, que acolle as instalacións de Mundonadal, permanecerá aberto ata o sete de xaneiro todos os días. Así, o horario é de 16.15 a 21.30 horas, aínda que en festivos e vésperas de festivos ten un horario especial. Por outra parte, a pista de xeo permanecerá aberta ata as 22.30 horas. Os menores de oito anos deberán ir acompañados dun adulto. 

Os días 24 e 31 de decembro Mundonadal abrirá de 12.15 a 19.00 horas e o 5 de xaneiro estará aberto entre as 12.15 e as 17.00 horas. O recinto conta tamén con cafetería.

 

Pista para practicar skate
Mundonadal. GONZALO GARCÍAAdemais da pista de xeo, Mundonadal conta con outra superficie sobre a que deslizarse. Trátase dun espazo adicado ao skate, onde se poderá practicar esta disciplina por libre ou contando co apoio e instrución de monitores expertos. Non só se trata de aprender a moverse sobre un monopatín, senón tamén coñecer a técnica e a historia desta disciplina. Iso si, sempre con casco e protección para os xeonllos.

 

Tobogán de xeo xigante
Mundonadal. GONZALO GARCÍAUn tobogán de xeo xigante para tirarse sobre un flotador con forma de donut é un dos principais atractivos do parque de lecer para toda a familia. Na zona hai tamén un búfalo mecánico e unha morea de inchables nos que mesmo se pode xogar ao fútbol.

 

Un rocódromo para os amantes das alturas
2019122110415884500Nas instalacións hai tamén un rocódromo para que os máis pequenos poidan experimentar a escalada. Non é apto para pequenos con vertixe, aínda que pode considerarse unha forma de vencer o medo ás alturas. A actividade realízase cun arnés.

 

Comentarios