Do Apego ao Club de Debate, o traballo do Concello polo idioma

A política lingüística foi nos últimos anos unha estratexia transversal para o Goberno local

Unha das actividades do programa Apego. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha das actividades do programa Apego. GONZALO GARCÍA

Afondar no traballo dos últimos anos é un dos proxectos do BNG para o vindeiro mandato se revalida a Alcaldía. Os programas e actividades arredor do fomento da lingua son numerosos. Aínda así, Pontevedra é unha das cidades na que a situación do galego é máis dramática, especialmente entre a poboación máis nova.

O fomento do idioma ten un carácter transversal nas políticas dos nacionalistas. Porén, existen proxectos específicos destinados a manter a boa saúde do idioma. Un deles é o programa Apego, que busca ofrecer un entorno galegofalante para axudar ás familias a que a crianza en galego poida ser unha realidade nunha cidade.

Para o público infantil, hai tamén citas como o Salón do Libro, que fomenta a lectura, ou as actividades lúdicas organizadas pola Concellería de Normalización Lingüística que teñen lugar dentro do coñecido como Club Saltóns. A mesma concellería organiza obradoiros en escolas e institutos cun amplo abano de actividades. Ademais, existen roteiros pola cidade destinados á mesma finalidade e un festival de música en galego, o Galegote Rock.

O Concello de Pontevedra participa tamén na rede de concellos pola normalización lingüística, que organiza encontros como o Club de Debate ou o certame Youtubeirosde creación de vídeos.

Ademais, xunto cos centros educativos, celebra o certame Ben veñas, maio, no que a mocidade compite con creacións en diferentes categorías. Este concurso forma parte dun programa máis amplo: 'Maio, mes da lingua'.

Un dos eixes da actividade en Pontevedra é o​ Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebra todos os anos no Recinto Feiral.

Comentarios