"Do odio non se sae"

"Tabiba é a palabra bérber que designa ás mulleres con poderes", explica María Xosé Porteiro. A autora presenta este venres no Museo de Pontevedra a súa última novela acompañada por Manuel Bragado e Alberto Avendaño

A escritora e xornalista María Xosé Porteiro. PEPE FERRÍN
photo_camera A escritora e xornalista María Xosé Porteiro. PEPE FERRÍN
Xornalista, escritora, política e activista feminista, entre outras cousas, María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) di que hoxe, se ten que definirse, queda co de que é unha narradora. Exercendo esa faceta chega este venres (19.00 horas, entrada libre) ao Museo de Pontevedra, onde estará presentando a súa nova novela, Tabiba (Editorial Elvira, 2023). Que é Tabiba?
Unha novela moi curta, pero moi densa. O feito que a percorre é o de que cando aprendes a odiar non o podes esquecer. Tes que satisfacer a necesidade de botar fóra ese sentimento e acaba converténdose nunha causa. 

Non cabe a reconciliación en segundo que casos?
Cando o que move a acción do ser humano é o odio, a reconciliación non substitúe o impulso da vinganza. A min persoalmente preocúpame ata que punto podemos caer nese sentimento sen decatarnos ou pensando que é o correcto. Insisto: do odio non se sae.

As mulleres son personaxes clave nesta historia que escribiu.
O título, tabiba, é a palabra amazig ou bérber coa que se designan as mulleres con poderes, no sentido de meiga ou feiticeira ou curandeira. De feito, nalgúns lugares tamén identifica á médica. A tabiba é un personaxe que atravesa toda a novela e que enlaza o pasado co presente e co futuro. É unha muller poderosa á antiga usanza. Poderosa como puideron ser as meigas nalgún momento ou as mulleres que estaban fóra do sistema. No caso concreto destes pobos seguen sendo figuras moi importantes, porque a saúde de moitas das mulleres está nas súas mans. Nos campamentos do Sahara Occidental, onde non hai asistencia médica convencional, seguen sendo as tabiba as que se ocupan da saúde feminina, incluídos os partos. A min interesábame ter un elemento no que poder centrar a historia dun pobo tan descoñecido como é o bérber. Logo hai unha dirixente política, que asume unha serie de cuestións máis de acción, de cara a acadar a liberdade dun pobo. Pero tamén hai mulleres sometidas porque aceptan que ese é o seu destino. Eu non podo evitar contar sempre con mulleres protagonistas. Ás veces en culturas ás que non lle prestamos atención como a bérber atopamos unha sociedade tradicionalmente matriarcal. Non aceptan determinadas cousas que para o mundo árabe son norma. Aínda que pareza que todo o inventamos aquí en Occidente hai cousas que foron inventadas hai 2.000 anos noutros sitios.

Tendemos a reducir outras culturas a uns poucos clixés?
Claramente. Pero iso eu son moi de mirar o mapamundi, o globo terráqueo, como se estivese na lúa. No tempo que traballei en política exterior aprendín, por exemplo, o preto que está Alxeria da Península Ibérica. Cerquísima. Sen embargo, non temos presente para nada o que pasa do Mediterráneo para abaixo. Sentímolo como podemos sentir o que pasa na parte máis interior de China. E estamos a un paso. Logo está claro que hai unha prepotencia occidental. A min iso irrítame profundamente.

"Estamos tan convencidos de ser o embigo do mundo que con calquera outra civilización só nos podemos confrontar"

Armando Requeixo sinalou entre as virtudes da novela a de ser capaz de plasmar un "encontro de civilizacións".
É que estamos tan convencidos de ser o embigo do mundo que todo o que non ten que ver coa nosa civilización nos parece algo co que unicamente nos podemos confrontar. Pero, neste caso, todos estes pobos do Norte de África xa estiveron na Península Ibérica. Eran os berberiscos. Estiveron con nós moito tempo e seguen moito máis presentes do que cremos.

Bota en falta a política?
Eu persoalmente non, para nada. Antes de entrar en política fun 18 anos xornalista a tempo completo. Logo pasei temporadas entrando e saíndo dela. Non me arrepinto para nada. Foi unha experiencia moi importante para min, pero é que cando tes inquedanzas diferentes, estar en círculos onde se traballa en base a un dogma, é algo que che limita o teu propio desenvolvemento persoal. Hoxe síntome máis... como che diría?

Liberada?
Non quería empregar a palabra porque tampouco é que estivese encarcerada, pero si. Hoxe podo desfrutar dun pensamento máis aberto e máis creativo.

Hoxe como se definiría? É máis xornalista ou máis escritora?
A min non me chega cun só adxectivo (ri). Eu, se me teño que definir, elixo facelo como muller ecofeminista. En canto á actividade, agora mesmo estou traballando nunha institución pública, que se dedica á defensa dos dereitos humanos. Despois, creo que algo meu absolutamente propio é a escrita. 

Comentarios